«É lóxico que na toma de posesión falase en galego, é a lingua dos veciños»

maría cedrón REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

O nome de José Manuel Gutiérrez, alcalde de Balboa, coñeceuse en toda España tralas eleccións do 2003

14 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Aínda que leva xa 24 anos rexendo aos veciños de Balboa, un concello dos Ancares leoneses que linda co lucense de Cervantes, o nome de José Manuel Gutiérrez Monteserín coñeceuse en toda España tralas eleccións do 2003. Daquela, o seu partido, o PP, empatara en votos co PSOE e a rexencia da alcaldía xogouse tirando unha moeda ao aire. Foi entón cando o alcalde pasou a ser o rexedor «pola cara». Porque na moeda apareceu cara, xusto o que elixira. Pero o mes pasado non lle fixo falla repetir a anécdota. Sobráronlle votos para renovar na alcaldía e para facerse cun total de media ducia de concelleiros dos sete que compoñen o pleno. O sábado tomou posesión do cargo. E a súa intervención foi en galego.

-Vostedes pertencen á comunidade de Castela e León. ¿Como optou por falar en galego?

-A razón é moi fácil de explicar. Aquí falamos galego e a xente á que represento fala galego. O galego de aquí non será o académico, pero é unha variante fronteiriza. É lóxico que na toma de posesión falase en galego, é a lingua dos veciños.

-Di que falan o galego da fronteira. ¿Terían que protexerse máis as variantes dialectais do idioma, como a súa, para facilitar a conservación?

-É algo do que estou totalmente convencido. Porque igual que é unha riqueza para Castela e León ter un territorio no que falan galego, tamén é unha riqueza para Galicia que fóra das súas fronteiras se fale en galego, ou polo menos unha versión del.

-Vostedes teñen moi boa relación cos concellos limítrofes da provincia de Lugo, por exemplo con Cervantes, que o teñen ao lado.

-A verdade é que antes de que se formaran as autonomías había un maior intercambio entre concellos. Continúa habendo harmonía.

-Unha das cousas polas que avoga é por unir concellos, sobre todo na montaña á que pertence o seu.

-Cousa de sentido común. Hai catro concellos coas mesmas características que agora teñen moitos menos veciños dos que tiñan. Estanse mantendo unhas estruturas que non están xustificadas.

-O seu concello ten 400 habitantes, pero segundo di reciben 50.000 persoas ao ano. ¿Como fan?

-Que veñan turistas responde a varias cousas. Unha delas é ter o pobo limpo, a nosa comida, a multitude de actividades que facemos... Todo vai incentivando a que veña xente.

José Manuel gutiérrez alcalde de balboa (león)