«O museo será radicalmente novo e distinto, do século XXI»

La Voz

GALICIA

05 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Polo que suxire Varela, a Xunta construirá si ou si e sen adialo o quinto edificio do Gaiás.

-¿Con que calendario teñen proxectado executalo?

-Desvelarémolo non agora, pero pronto. Vaime permitir que antes que vostede estas cousas as coñeza o padroado?

-Falando de padroados, nos Orzamentos da Xunta para o 2010 figuraba como prioritaria a fusión da pública Fundación Cidade da Cultura coa mixta Fundación Gaiás, que non fixeron nin incluíron nas contas do 2011. ¿Por que?

-Houbo, efectivamente, un cambio de escenario obrigado pola drástica redución do orzamento asignado ao proxecto e, polo de agora, seguiremos traballando coas dúas fundacións, que é o que nos convén nestas circunstancias. Pero con total seguridade lle digo que a intención última é fusionalas, aproveitar a Fundación Gaiás para que colabore na xestión do Museo de Galicia.

-Un museo que ía ser só de historia e que vostede reorientou para que, entre outras cousas, acolla temporalmente grandes exposicións de circuítos internacionais.

-Si, pero non só iso. Para empezar, a palabra museo non me gusta moito para este caso. Será un espazo do século XXI, sen colección propia, moderno, onde a xente irá a recibir experiencias, a visitar exposicións? É un concepto radicalmente novo e distinto, a ágora da modernidade, un lugar tamén moi vinculado ao audiovisual, onde caben a música, o son, o vídeo, a danza. Teño a intención de que estea rematado en setembro do 2011 para que en marzo ou abril do 2012, coa chegada da primavera, acolla a exposición inaugural, que será sobre a pedra en Galicia.

-¿Acadou xa, aproveitando os contactos da súa etapa de diplomático no exterior, algún tipo de acordo con institucións que garantan a chegada desas mostras de primeira orde das que se está a falar?

-Xa estou en contacto co Museo do Prado e o MoMA, de Nova York, aínda que polo de agora é cedo de máis para pechar actividades. Tamén estou levando a artistas ao Gaiás para que o coñezan e o difundan.

-Axude a escribir a crónica que sairá nos xornais do 15 de xaneiro: «Os Príncipes de Asturias inauguraron onte, día 14, en Santiago a Cidade da Cultura?». ¿Vai ben así?

-Diso non podo dicir nada, non. E non o direi.

-¿Nin sequera confirmar a data que se lle apunta?

-A inauguración será nos 15 primeiros días de xaneiro.