«A saia de Carolina» volta ás súas raíces en Marín

Marcos Gago Otero
Marcos Gago MARÍN/LA VOZ.

GALICIA

Veciños interpretan a canción popular nun acto reivindicativo da lingua galega

22 oct 2010 . Actualizado a las 03:27 h.

Nun ambiente festivo, coa guía musical das pandereteiras de Fentos e Frouma, un nutrido grupo de veciños do concello pontevedrés de Marín entoaron onte na Alameda a canción A saia de Carolina. Foi un acto reivindicativo do uso do idioma galego no ensino e a súa normalización na sociedade, e tamén unha protesta porque nun dos colexios da vila se lle ensine aos nenos esta canción popular galega en castelán baixo o título de La falda de Carolina. No concerto-protesta víronse a moitos veciños anónimos, nun acto que tamén contou co apoio, aínda que non puido finalmente estar presente, do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín. A convocatoria realizouna unha plataforma cívica creada en Marín expresamente para protestar polo que consideran un «insulto» ao idioma propio e ao sentido común da cidadanía. Foi unha agrupación marinense, o Colectivo Nacionalista, a que deu a voz de alarma ante o uso da canción galega en castelán nunha clase de sexto de primaria do colexio da Laxe. Para os convocantes do concerto de onte, o emprego desta tradución en Galicia é simplemente un «esconxuro ridiculista».