«No mundo da construción as normas lévanse ao límite»

Toni Silva A CORUÑA/LA VOZ.

VIGO CIUDAD

27 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O doutor arquitecto Fernando Agrasar (Vigo, 1963) ve na construción de vivendas un mundo «un tanto escuro». Así, solicita máis transparencia legal, soterrar clixés como o de aceptar pagos en negro e, sobre todo, insiste en que han de ser os cidadáns os motores activos que reclamen a máis absoluta legalidade urbanística.

-¿Estamos diante dun sector demasiado hermético?

-No mundo da construción as normativas lévanse sempre ao límite. Hai moita tensión porque os intereses económicos son fortísimos. Isto dá lugar a unha casuística brutal. Por exemplo, normativas que non se aplican, ese é o máis repetido. Pero tamén nos atopamos con concellos de pequenas dimensións que simplemente non teñen un arquitecto municipal, iso fai que non funcione dunha meneira adecuada.

-¿Cal é entón a clave para rematar con esta situación de ilegalidade permisiva?

-A clave está no control. Todo ten que seguir os seus pasos marcados pola lei e controlalos. Así, o proxecto ten que estar presentado en forma con licenza municipal e sempre comprobado polos técnicos. Pero tamén ocorreu que en concellos cunha actividade construtiva moi forte, especialmente nos derradeiros anos antes de irromper esta crise, era moi complicado ese control a causa da gran cantidade de obras que os técnicos tiñan que revisar.

-¿Avoga por meter en nómina a máis técnicos?

-Se é o que ten que haber, pois si. A fonte fundamental de ingresos dos concellos son as licenzas de obras, de aí a gran orxía construtiva dos derradeiros anos. Pero os controis non creceron na mesma medida. Hai outro aspecto especialmente grave: ¿que pasa cos edificios que non teñen licenza, pero si habitantes nos seus pisos con ameaza de derrubo? Os promotores son un entramado estrañísimo que xogan co tempo a longo prazo, que esperan a outro PXOM que lles legalice o que fixeron e ao final a mensaxe que queda é: incumpre que non pasa nada. Aconséllo aos propietarios que esixan sempre un certificado de legalidade urbanística.

-Porque o descoñecemento sobres os requisitos legais entre moitos que mercan as vivendas é evidente.

-Moléstame moito falar en negativo do mundo da construción porque sempre hai xente honradísima que fai moi ben o seu traballo, pero outros axentes da construción crearon un mundo escuro. «Págasme tanto e escrituramos por tanto», isto paréceme tremendo.

-¿Solucións?

-É como o da preservación do patrimonio. Se a cidadanía esixe a legalidade absoluta ao final vaino conseguir.

-¿Sería posible un rexistro de vivendas sen licenza de primeira ocupación?

-Non o sei, pero non ter eses datos é outra consecuencia dese mundo escuro no que se converteu a construción.