«Non podo pechar colexios para dar cartos á Universidade»

La Voz

EDUCACIÓN

19 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Mañá mesmo as universidades seguirán debatendo sobre os indicadores do novo plan de financiamento. Aínda sen pechar, xa se empezaron a escoitar as primeiras críticas.

-A Universidade da Coruña di que ten o peor financiamento por alumno.

-É que fai moitos anos que non se financia por alumno, e todo o que está agora en vigor firmouno a Universidade da Coruña. Non é algo que veña deste conselleiro. Haberá que apoiar ás universidades cada vez que teñan un acto conxunto, e todo proceso de colaboración que leven a cabo entre elas será para aplaudir.

-Levan anos queixándose do financiamento. ¿Deben poñerse as pilas?

-Todos temos que ser máis eficientes e dar pasos. E cando hai vacas fracas é cando máis debemos axustarnos e ser racionais nas decisións ¿Que xa veñen actuando? Perfecto, pero é que as circunstancias obrigan a dar novos pasos. Xa non é queixarse, todos temos dereito á pataleta, pero non nos queda máis que xestionar. E poño un exemplo, a esta Administración estaa asfixiando o Goberno central. Pódome queixar, pero ao final estou obrigado a a actuar con moitísima máis eficiencia e axuste. A situación obriga. Eu non podo pechar os colexios de infantil e primaria para darlle recursos á Universidade; ou pechar a Universidade para facer outra cousa. A situación económica vainos obrigar a todos, e todos imos ter que facer recortes, todos, as universidades e a consellería, porque así o veñen facendo xa as familias.

-¿A docencia teórica do segundo ciclo de Medicina acabará repartido nas tres universidades?

-Non vou entrar niso. Eu respecto a autonomía universitaria. Todo este debate obedece á posibilidade de colaboración entre as universidades que elas mesmas asinaron, e hai unha comisión mixta traballando. Deixemos traballar a esta entidade e respectemos a autonomía universitaria. Tratemos de colaborar para que os nosos alumnos sexan os mellores, e para poñer os mellores servizos a disposición dos estudantes.