«O sistema de préstamo de libros tampouco gustaba na comunidade educativa»

La Voz

GALICIA

19 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A consellería pon en marcha este curso dous proxectos que considera clave, a rede de centros plurilingües e o programa Abalar, para dotar de ordenadores a 87.000 escolares.

-Os ordenadores do proxecto Abalar non chegaron a tempo. ¿Hai unha data prevista?

-Estamos acelerando, pero a empresa non nos pode dar prazos porque tampouco depende dela. Pero xa cando se deu a coñecer, se presentou como un proxecto a medio e longo prazo, para que en catro anos 87.000 rapaces teñan acceso ás novas tecnoloxías. O aparato é unha peza importante, pero o proxecto Abalar vai moitísimo máis alá de facilitar ordenadores.

-A oposición acusou á Xunta de beneficiar aos privados neste proxecto, e na rede de centros plurilingües. O certo é que dos 52 elixidos, 23 son concertados, unha porcentaxe maior do que supón esta ensinanza.

-Nembargante, todos os auxiliares de conversa, 260, van estar en centros públicos.

-¿Entón que ocorreu cos centros plurilingües, presentaron os privados mellores propostas?

-Non non, depende das circunstancias. Ao mellor é porque xa tiñan dado pasos previos, pero houbo 73 solicitudes e algúns centros concertados aos que non se lles concedeu o proxecto, así como algúns públicos. Imos apoialos para ver se o ano que ven poden entrar nesta rede. De tódolos xeitos, esperábamos 40 centros, e ao final acadárono 52.

-Este curso houbo que cambiar os libros de texto dalgunhas materias para cumprir co decreto do plurilingüismo. Nun contexto de crise, ¿por que non se deixaron un ano máis?

-Porque non se pode. Non hai un momento de transición cando se aplica un decreto. As normas son para cumprilas e a primeira que ten que facelo é a propia comunidade educativa. Cando o bipartito aplicou o seu decreto os libros de Matemáticas tiñan só un ano de uso e cambiáronos. Nós estamos na mesma tesitura, coa diferenza de que agora os libros teñen tres anos. Ademais estamos dando axudas dentro do programa de gratuidade solidaria. Estamos convencidos de que este sistema vai ser moito mellor, e o anterior non gustaba tampouco na propia comunidade educativa.