«Campus Vida puxo á USC no noveno posto de España»

La Voz

GALICIA

25 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Foi o derradeiro candidato en facer acto de presenza nas quinielas para o próximo 5 de maio. Apoiado pola plataforma docente Converxencia Universitaria, de corte máis conservador que as outras dúas, Juan Varela Durán buscará centrarse na investigación aplicada, segundo as demandas da sociedade, aínda que sen esquecer a investigación básica.

» 1 Remata agora un plan de financiamento e o próximo reitor debe negociar o novo. ¿Como terá que ser para o conxunto do Sistema Universitario Galego?

- O obxectivo último do noso programa electoral é que o plan de financiamento acade o 1% do PIB. Ese 1% sería para as tres universidades, pero tendo en conta que a USC capta o 45% do financiamento, sería máis que suficiente para ter un financiamento e ao mesmo tempo ser quen de pagar a débeda bancaria e os préstamos reembolsables da Universidade. Agora estamos nun 0,74% do PIB, nos últimos anos non pedimos nin un euro e estase a amortizar un 10% da débeda por ano.

» 2 O próximo curso entran a funcionar os últimos graos en Galicia. ¿Que hai que mellorar?

-Só con definir Bolonia xa aparecen os problemas que xera. Trátase dun cambio no concepto do ensino, que muda dunha docencia fundamentalmente teórica a unha aprendizaxe das capacitacións, fundamentalmente práctico, cun sistema de control de calidade. Isto conleva un aumento significativo da carga de traballo, por ter que crear grupos máis pequenos e manter unha relación directa co alumno, Non se pode facer a custo cero dando máis traballo a PDI e PAS. Hai que compensar o esforzo, aumentar o profesorado e mellorar as infraestruturas.

» 3 ¿Cales son os retos da investigación universitaria nos próximos anos?

-Son dúas as premisas: respectar a liberdade de investigación, non se poden impoñer as liñas a seguir, pero temos que ter en conta que existen demandas da sociedade que nos obrigan a darlles contestación. Por iso deben ser tidas en conta cando se establecen as liñas mestras de investigación.

» 4 ¿Como hai que establecer a relación da universidade co tecido empresarial?

-Fluída, permanente e realizada de forma progresiva. Campus Vida é un exemplo desta relación. Por outra banda, ten que haber un beneficio mutuo: a universidade obtén recursos (o 30% dos ingresos con autoxerados) e serve de panca para colocar aos licenciados.

» 5 A Universidade de Santiago acadou a distinción do Campus de Excelencia Internacional para Campus Vida. ¿Que oportunidades supón este campus especializado?

-Todas. Atacouse por ser feito de costas á comunidade, pero é o mesmo que o proxecto de Campus da Saúde, en marcha dende hai sete anos. Foi un logro que puxo á USC no noveno posto de España, trouxo ata o de agora 12 millóns de euros e relaciónanos con grandes empresas e entidades bancarias.