«Hai que poñer o acento na transferencia en todas as áreas»

La Voz

LUGO CIUDAD

25 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A que foi conselleira de Educación durante a etapa do bipartito quere impulsar a multidisciplinaridade nos estudos e devolver ao campus de Lugo o lugar que se merece dentro da USC.

» 1 Remata agora un plan de financiamento e o próximo reitor debe negociar o novo. ¿Como terá que ser para o conxunto do Sistema Universitario Galego?

-Debe recoller unha parte dedicada a gastos básicos e outra que financie segundo obxectivos acadados, establecidos con indicadores como a taxa de eficiencia, a empregabilidade dos egresados, os resultados de investigación ou a avaliación e implantación das novas titulacións, xa que o programa coincide coa posta en marcha do plan Bolonia.

» 2 O próximo curso entran a funcionar os últimos graos en Galicia. ¿Que hai que mellorar?

-Creo que se está a facer ben. Temos titulacións en marcha con mellora de número de alumnos. É o caso de Matemáticas, no que houbo un repunte no número de novos estudantes, que amosan o seu grao de satisfacción cos novos estudos. O cambio no sistema de docencia, que se centra no alumno a través de titorías, é bo.

» 3 ¿Cales son os retos da investigación universitaria nos próximos anos?

- Debemos manter o nivel que xa temos, que é bo, e procurar incrementalo. Ademais, hai que potenciar a investigación en todas as áreas de coñecemento, apostar pola xente nova e pola multidisciplinaridade. Xa non se concibe a investigación en biomedicina, por exemplo, sen ter en conta o eido económico. Hai que pór o acento na calidade e a transferencia do coñecemento, mesmo nas Humanidades e nas Ciencias Sociais e Xurídicas, os menos convencionais, onde se están facendo avances nas TIC -tecnoloxías da información e a comunicación-, por exemplo, co traballo conxunto de pedagogos, psicólogos, enxeñeiros ou matemáticos.

» 4 ¿Como hai que establecer a relación da universidade co tecido empresarial?

-Ter sempre respecto mutuo e poñer en valor o mellor de cada un sempre de xeito harmonizado. O que non pode ser é competir entre universidades. A competencia é boa no sentido de acadar a excelencia, pero as tres universidades deben cooperar, distinguir o que é bo de cada unha e traballar conxuntamente, como xa se está a facer, por exemplo, no Campus do Mar de Vigo.

» 5 A Universidade de Santiago acadou a distinción do Campus de Excelencia Internacional para Campus Vida. ¿Que oportunidades supón este campus especializado?

-Significa moitas oportunidades. Sempre poño o mesmo exemplo, o do Genome Campus en Cambridge, que despois de 15 anos ten desenvolvido todo tipo de empresas biomédicas con moito potencial económico. Con Campus Vida haberá unha relación profunda entre os centros de investigación, o hospital e empresas de fóra, pero a idea sería que tamén se estableceran empresas propias da área da biomedicina.