«Non podemos esvaer as fronteiras co tecido empresarial»

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

25 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O catedrático de Enxeñería Química Juan Casares Long deu a batalla nas anteriores eleccións, pero a ponderación do sufraxio deixouno ás portas de San Xerome. A pesar de empatar en número de votos con Senén Barro, este último tiña o apoio das tres plataformas docentes da USC.

» 1 Remata agora un plan de financiamento e o próximo reitor debe negociar o novo. ¿Como terá que ser para o conxunto do Sistema Universitario Galego?

- Ten que haber unha parte que garanta o funcionamento básico das universidades, outra que financie o rendemento social (titulacións, resultados de investigación e transferencia do coñecemento) e unha terceira en base a obxectivos que se cumpran nun tempo determinado. Pero o financiamento básico non pode ser, por exemplo, un 80%, porque estariamos nas mesmas.

» 2 O próximo curso entran a funcionar os últimos graos en Galicia. ¿Que hai que mellorar?

- As universidades somos vítimas da falta de planificación e previsión do ministerio. Agora vén a adaptación do que quedou no papel á realidade. O custo cero é imposible nalgúns casos e hai que facer un esforzo para cumprir o que lles prometemos aos alumnos. Obrigará a facer adaptacións importantes.

» 3 ¿Cales son os retos da investigación universitaria nos próximos anos?

- Estamos mirando só cara a unha faciana. O resto do mundo está a correr, e hai que mellorar a xestión para correr á súa velocidade. Non podemos quedar na autocompracencia, aínda que temos grandes investigadores, comparables con calquera universidade. O nivel ten que ser igualarnos por riba.

» 4 ¿Como hai que establecer a relación da universidade co tecido empresarial?

- As empresas teñen que ver na universidade unha vía para solucionar os problemas que teñan e, grazas á capacidade e coñecemento que temos, dar solucións nas que non pensaran. E contribuír á mellora social das empresas de aquí e tamén das de fóra. Esa é unha parte do que temos que facer, pero sempre delimitando o lugar dunhas e doutras. Non podemos esvaer fronteiras coas empresas.

» 5 A Universidade de Santiago acadou a distinción do Campus de Excelencia Internacional para Campus Vida. ¿Que oportunidades supón este campus especializado?

-Temos que sacarlle o máximo rendemento converténdoo nun proxecto incluínte, sempre priorizando as actuacións. É unha oportunidade magnífica para os grupos de investigación, que mellorarán os seus equipamentos e o seu ámbito de traballo, pero temos que pensar en todos cando diriximos a Universidade. Á xente hai que motivala, e un xeito é darlle cousas e, por suposto, tamén esixirlle os resultados. Non podemos igualar por abaixo, sería queimar o futuro.