Ten os obxectivos musicais moi clariños; tocará pronto como solista na Muralla china; e ten dedos e cabeza para chegar a onde se propoña
Con dezanove anos ten clarísimo que quere vivir da música. Marco Aurelio Foxo Aira (Ourense, 1990) vén de sacar un disco como campión solista do concurso de gaiteiros de Manzaneda. «Primeiro son Marco, nacín en Ourense, pero síntome do Courel -di-; despois, se me preguntan que fago, son gaiteiro».
-¿De que xeito inflúe, para ben ou para mal, ser o fillo de Xosé Luís Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense?
-Todo son vantaxes. O malo é que o listón está moi alto. Todo o que ten feito meu pai non é fácil de igualar.
-É unha persoa que causa controversias...
-Sempre que alguén fai algo, a antagonía está aí.
-¿Firmouse o armisticio no asunto da guerra das gaitas? Moito se falou de tradicionalistas contra marciais, semellaba «Star Wars», o lado escuro contra a forza...
-Xa non hai tanta pelexa como aí atrás. O mundo da gaita está repartido: bandas, solistas, grupos... Segue a haber xente que ten na cabeza as súas ideas, pero xa non é tanto iso de atacar algo porque é malo. Que haxa 16.000 gaiteiros na provincia de Ourense non quere dicir que se teña feito un mal traballo. Evolución tamén pode ser unha das palabras que definan o traballo do meu pai. El deuse conta, cando tivo que xuntar cen gaiteiros, que para afinar era mellor evolucionar, non se trataba de escocesar a gaita nin nada.
-¿Que che parecen a ti as críticas?
-Moléstanme. Téñome enfrontado con algún, pero teño moi claros os argumentos.
-¿Como chega este disco?
-Ao gañar o campionato de solistas de Manzaneda foi posible. Levaba anos quedando terceiro, segundo... Hai moito nivel. Este ano pasado foi e dixen: «Igual podo facer un traballiño aí». Unha cousa tiña clara: non quero facer o que fan todos. Por iso recuperamos cousas dos Trintas de Trives, do Courel, romances, composicións propias... Digamos que unha liña innovadora do que é un gaiteiro agora mesmo. No disco hai diferentes cousas: eu con percusión, como solista; estrutura de cuarteto dos Trintas de Trives; hai clarinete e caixa; e hai acordeóns, dúos de gaitas... Variedade.
-E parece que está a funcionar ben...
-De momento gusta.
-¿A docencia é a saída natural dun músico? Digo á marxe de que despois un trunfe e poida vivir de tocar...
-A min gústame. Levo catro anos dando clases, xa saquei uns poucos gaiteiros e teño que sacar máis.
-Na casa sodes todos gaiteiros...
-Todos. Meu pai, miña nai, miña irmá e máis eu. Non hai problema por falar de gaitas na casa [ri].
-Non é doado practicar nun piso. Xa sabes, os veciños...
-No meu caso teño facilidades, a casa está cerca da escola de gaitas. Pero si que é complicado o ruído para os veciños. Na escola abrimos todo o día, non hai problema para vir e ensaiar a calquera hora. Hoxe tamén hai punteiros electrónicos con cascos cos que podes practicar.
-¿Proxectos para este ano?
-Tocar como solista na Muralla china.
-¡Nada menos!
-Iremos coa banda en maio. Tentarei tocar alí unhas poucas pezas galegas...
-E o Papa vén en novembro. Foxo pai fixéralle unha peza a Xoán Paulo II...
-Unha muiñeira, si. A este Papa haberá que tocarlle tamén, xa se está mirando. A escola de gaitas está bastante vencellada ao mundo espiritual. Meu pai educouse no seminario, sempre queda algo. Despois estaremos na República Checa en agosto e a ver se vamos outra vez ao desfile de San Patricio, en Nova York. Ah, e a México, a dar quince días clase. [A súa irmá Ruth, que está na entrevista, anúncialle tamén que viaxarán a Irlanda e Escocia coa Real Xuvenil, da que Marco é director].
-¿Non hai moito pique entre os gaiteiros? Teñen un punto fanfarrón, botado para adiante...
-É certo, sempre a ver quen toca mellor. Hai competencia, pero levámonos todos moi ben. Hai un pique silencioso.
-¿A onde queres chegar coa gaita, e non falo de China?
-Ao máximo. Para o ano que vén teño un proxecto para outro disco. O ano pasado houbo moitos días de ensaiar doce horas: comer, ir ao baño e tocar a gaita. Gustaríame meter a gaita na música de cámara: sentar, escoitar e gozar, como dun instrumento clásico. ¿Fáloche algo da gaita que emprego?
-Fala tranquilo, é a túa entrevista...
-Ten uns 250 anos. Entregáronlla ao meu pai, era dun gaiteiro do Courel, Follacas de Mostaz. Afina ela consigo mesma. Non encaixa coa escala do piano e hai que tocala con dixitación pechada. É a gaita máis vella que hai agora mesmo en activo en Galicia, meu pai di que é un Stradivarius da gaita.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios