O titular de Educación afirma que o reparto dun 50-50 abonda para asegurar a competencia nas dúas linguas
O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, (Ourense, 1967) presentou o anteproxecto do decreto do galego firmemente convencido de que introduce moitas suxestións recollidas no período de consultas e modificando os aspectos máis rexeitados. Do que xa non está seguro é de acadar un amplo consenso co novo texto.
-O equilibrio era irrenunciable, mais moitos expertos e entidades como o Consello da Cultura lembran que partindo dunha situación desigual non se poden aplicar criterios iguais.
-É que nós entendemos que vivimos nunha sociedade onde non falamos desa desigualdade, senón que hai un bilingüismo en Galicia. No sistema educativo, todo o mundo -referíndome ao profesorado principalmente- comparte as dúas linguas e úsaas indistintamente. En ningún momento quero referirme como que estamos nun punto de partida de desigualdade. O anteproxecto que presentamos responde ao sentimento real de que hai que levar ese bilingüismo cordial que existe na rúa á aula, fóra de toda imposición.
-Pero na sociedade o galego está en inferioridade de condicións.
-Non. Hai que traballar cos rapaces desde máis pequenos, pero fóra do que é toda imposición. Se atendemos ao que se levou a cabo nestes tres últimos anos, vemos como había moitos centros nos que existía unicamente o galego, e porén non se acadaron resultados satisfactorios, o que evidentemente quere dicir que algo está a pasar. Nós confiamos en levar á aula esta cordialidade da que falamos, este trato, esta flexibilidade e esta liberdade de poder elixir, desde o coñecemento de ambas as dúas linguas.
-Criticouse que os pais decidisen a lingua das materias troncais e agora van poder revogar a decisión da Xunta nas consultas cuadrienais.
-A nós a sociedade e moitas organizacións, incluíndo tamén suxestións do Consello Consultivo, pedíronnos cambios. Un deles era que se nos dicía que gobernásemos. Por iso fixemos un proxecto onde a Xunta goberna e adopta unha posición na lingua das materias, pero é certo que temos un compromiso e os pais poden ter a súa opinión.
-¿Entón se non fose polo compromiso electoral sacaríase esta consulta aos pais?
-Non, é un compromiso electoral pero dende a crenza de que é bo que os pais opinen e traballen co sector educativo. Se asumes un compromiso é porque cres que é bo.
-¿Deixar que os pais poidan cambiar a lingua de todas as materias troncais non provocará aínda máis desorganización?
-É que agás no decreto do 2007, onde practicamente o 100% das materias se impartían en galego, antes xa había uns centros onde unhas materias se daban en galego e outras en castelán. Excepto o Coñecemento do Medio en primaria e outras en secundaria, o resto quedaba libre, polo que nuns colexios se daba unha materia nunha lingua e noutros noutra. Non estamos falando de adoptar unha decisión por primeira vez, estamos volvendo a unha normalidade que tivo Galicia durante moitísimos anos. Reclamábase que lexislásemos, e tomamos unha decisión, e establecemos en primaria unha materia en galego e unha en castelán, e en ESO tres e tres, para buscar o equilibrio, pero é certo que pedimos a opinión dos pais.
-¿Se non se acadan as competencias cando se faga a avaliación, vaise variar este equilibrio 50-50?
-Non, entendemos que o reparto é suficiente para acadar a competencias en ambas linguas. Ese é o noso modelo, porque ademais esa situación é a que se vive na rúa. O que si haberá que adoptar é medidas complementarias, que non teñen que ser as de non respectar a proporcionalidade. A ese equilibrio non imos renunciar. Precisamente os nenos escriben ás veces moitísimo mellor o galego que antes, pero o problema non é a falta de coñecemento, senón a falta de uso.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios