O segredo do seu éxito é ben sinxelo: facer as cousas con cariño; desde que se proclamou campioa xa lle choven as ofertas, pero quere seguir onde está
Sete da mañá. Mercado de gando de Amio, en Santiago. Carmen Eyo Esmorís (A Estrada, 1953) xa leva máis de dúas horas en pé. Hai que cocer o polbo para os gandeiros, e iso supón quitarlle horas ao sono. Carmen vén de ser proclamada a mellor pulpeira de Galicia no concurso celebrado co gallo do Fórum Gastronómico de Santiago. E, aínda que lle choven as ofertas, segue cos pés na terra, traballando con bo humor e poñendo todos os sentidos no que fai.
-¿Cantos anos leva cocendo?
-Máis de trinta coa pulpeiría Guerra, de Vedra. Tamén estou co meu fillo, Nacho Costoyas, que é o campión de Galicia de metres.
-¿Vostede gañara algunha vez algo?
-Non, é a primeira. Bueno , si, un premio coa tortilla de pulpo [ela prefire non dicir polbo, e como é a campioa, ela manda] en Radio Estrada.
-¿Que lle di a xente?
-Felicítanme. Cando cheguei á casa despois do concurso estaban os meus netos cunha pancarta que dicía: «¡Abuela campeona!».
-¿Cales foron as claves do éxito? Eran nove a competir, todos de moito nivel...
-Non che sabería dicir. Fíxeno igual que sempre, con moito cariño. As cousas hai que facelas con cariño. Date conta que cocer cinco pulpos non é cocer unha caldeira toda. Ademais estreaba unha desas caldeiras que hai que usar agora, é máis complicado. O pulpo mércallo o meu fillo a un chaval do Carballiño que lle chaman Miguel. Ás veces facemos algunha primeira comuñón, estamos tamén no recinto feiral de Silleda... No concurso apostei por este e mira. É un pulpo que deixa na boca un sabor especial...
-Xa o probei, xa...
-Probaches. ¿E que che pareceu?
-De outro mundo...
- Bueno ... todos estaban ben. Pensa que había xente do Carballiño que leva moitos anos.
-¿E que unha da Estrada pase por riba dos do Carballiño? O segundo clasificado tamén era da Estrada...
-Elas eran moi boas. Date conta de que a pulpeira que estaba ao meu lado, ben a viches, leva toda a vida no pulpo . Ao rematar, ela dicíame a min: «Carmen, ¿pero como ti gañaches?». Pois porque o fixen con todo o cariño. No Fórum de hai dous anos presenteime e non levei nada, e iso que daban un premio á pulpeira máis dicharachera . Estanme chamando para traballar, pero o caso é que non cambio.
-Vai ter que poñer un axente e subir o caché...
-Onte mesmo, cando falei contigo por teléfono para quedar, estaba soando o teléfono. Era un señor de Vilagarcía que preguntaba por min. Fun varios anos a Barcelona, pero desde que casaron os fillos non volvín. Eu quedo na pulpeiría Guerra, que é onde estou ben. Sigo sendo a mesma de sempre.
-¿Cantos fillos ten?
-Unha rapaza e dous rapaces.
-¿Cáelle un ollo por Nacho, o campión de metres de Galicia, ou é unha impresión miña?
-¡Nooon! Son os tres iguais, pero traballo máis con Nacho, estou a diario con el. Quedou segundo de España.
-¿E netos?
-Cinco, catro netas e naceu agora un de Nacho, Bruno, que fai o día 5 dous mesiños. E xa sabes: os pais estades para educar e os avós para consentir. ¡Pregúntalle á túa nai se non!
-¿E o seu home?
-Traballa no Concello da Estrada. Vai todos os mércores a comer o pulpo , porque na casa fágollo pouco.
-¿Non é demasiado sacrificado isto de erguerse ás cinco da mañá para cocer polbo?
-Se algún día me faltara isto... Estiven enferma aí atrás e xa o botaba de menos.
-A caldeira, que tira...
-A caldeira e a cociña. Son das que sempre andan experimentando.
-Moito polbo levan os xaponeses...
-Pero a eles gústalles case cru. Tamén temos aquí algúns que veñen e hai que botarlle o pulpo a cocer só tres minutos e xa o comen.
-¿Iso de darlle unha tunda ao polbo aínda se fai?
-Non. Ter que estar conxelado un mes polo menos.
-¿E por que todas as pulpeiras levan a auga do seu sitio?
-A auga de Santiago é un pouco forte para o pulpo. Ben viches que eu levo as garrafas detrás, no concurso xoguei tamén un pouco con iso: fíxeno con auga mineral. Acordei no camiño e tivemos que parar a collela nun supermercado da rúa do Hórreo.
-Sae caro o conto...
-Pero a min valeume a pena; gañei. Os mil euros foron para os netos. Pero o premio quero dedicarllo aos pais, aquí, de Juan Guerra, o dono da pulpeiría [Juan le unha revista e fai como que non escoita]. Aprendín con eles, coa súa nai, a señora Divina. Berraba comigo, pero o que sei débollo a ela, iso quero que o poñas. ¿Para que vou andar coa lingua arredor?
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios