Non lle faría xustiza a esta ilustre casa que hoxe nos acolle, se limitara as miñas palabras á cortesía protocolaria. Hai momentos en que cómpre poñer por riba un protocolo diferente que permita transmitir e compartir ideas. Son ideas as que fundaron este gran medio de comunicación, ideas as que se difunden grazas a el, e ideas as que recolle da sociedade.
As que eu lles propoño neste acto son moi semellantes ás que os galegos de hai 127 anos puideron ler nun anaco de papel. Repítoas para que resoen de novo. «Nuestra primera y más ardiente preocupación será la de servir con todo el entusiasmo de nuestra alma y con toda la energía de nuestro patriotismo, los grandes y nobles y desdeñados intereses de esta hermosa y querida región gallega».
Don Juan Fernández Latorre funda un periódico e difunde o seu primeiro editorial. ¿Qué é Galicia naquel lonxano 1882? Unha ilusión que se alimenta de soños. A autonomía é unha ficción; a existencia dun Parlamento galego unha quimera; a presenza dun Goberno con poderes e competencias, un anceio que somentes xeracións do futuro poderían gozar. Sen embargo, naquela fermosa declaración de principios fálase de patriotismo e de grandes e nobres intereses.
Este grupo de comunicación que nos presta a súa hospitalidade, nace co nome de Galicia nos beizos. Existía xa naquel tempo o vivo sentimento de que había unha unidade superior, na que se fundían as diferentes terras do noso país. Non importaba que non houbese institucións compartidas porque si latexaban emocións comúns, e mesmo intereses de todos, como se encargaba de lembrar o editorialista.
Algúns anos antes de que saíse do prelo a proclama de Fernández Latorre, un viaxeiro inglés vendedor de biblias percorre Galicia e plasma nun curioso libro (A Biblia en España) as súas experiencias peregrinas. Os nosos antepasados prodúcenlle a George Borrow un gran desconcerto porque percibe neles un pouco disimulado localismo, unido a unha maneira de ser que os fai distintos aos demais habitantes da Península.
En suma, para este pouco afortunado difusor do protestantismo, Galicia tamén existe, malia non ter unha organización de seu.
Se cito a este visitante estranxeiro é para demostrar que esa unidade esencial de Galicia, non é produto de impenitentes soñadores, de poetas románticos ou de visionarios faltos de realismo. Tamén nos viron así desde fóra observadores imparciais. Os ingleses bíblicos, e por suposto os antigos romanos que adoita citar o amigo Francisco Vázquez nos seus artigos. Eles viron nesta terra (unha das poucas que conserva o topónimo que eles puxeron), vencellos que eran superiores ás distancias. Intelligenti Pauca, querido Paco (a buen entendedor, pocas palabras).
Pero quero voltar á travesía máis que centenaria de La Voz para reforzar esa idea que hoxe desexaría subliñar. A historia que discorre entre o 1882 fundacional e este 2009, é a historia dun éxito empresarial. As causas son dabondo coñecidas: compromiso dos propietarios, calidade do produto, profesionais de primeiro nivel, audaz e valente liderado do seu presidente, Santiago Rey. Todo iso fai posible o milagre de que nun país non moi grande, deprimido no pasado e disperso aínda hoxe, naza e medre un dos grandes grupos de comunicación de Europa.
Sen embargo, eses factores non o explican todo. Sen unha idea afortunada, ese triunfo tivera sido moito mais cativo. O éxito deste e doutros medios de comunicación galegos que tiveron e teñen Galicia como bandeira, é a mellor proba de que don Juan Fernández Latorre non se equivocaba. Galicia existe porque os galegos así o quixeron e o queren. Hai sentimentos que vibran conxuntamente, e intereses que cómpre defender en común.
Ese editorial está vixente, aínda que hai novas circunstancias que nos obrigan a completalo. Agora, eses intereses dos que fala o histórico texto, non somentes hai que servilos, senón tamén gobernalos. En 1882, Galicia era unha espectadora do acontecer. Hoxe é unha protagonista. Antes, as competencias se limitaban ao laio e á reclamación diante de poderes alleos e lonxanos. Nestes tempos a sociedade galega ten poderes e responsabilidades.
No vello paradigma político, cultural e intelectual, os problemas e mailas solucións da nosa terra, sempre estaban fora, mentres que neste estadio do século XXI, solucións e problemas están situados nun entramado de institucións no que Galicia está presente. A forza desa presenza depende de todos nós; depende da capacidade deste enorme coro de voces que fan Galicia, para interpretar melodías compartidas.
Espazos comúns
¿Estaría mellor preparado o noso país para superar a crise, se estivera privado de autogoberno? ¿Sería mellor dar marcha atrás, e quedar a expensas de decisións nas que pouco ou nada podemos influír? Creo que todos coincidimos en que non. Se a nosa coincidencia niso é real, tamén teremos que estar de acordo en cal é a principal virtude da autonomía: dotarnos de espazos comúns. A nova Galicia podería levar na súa divisa a mesma máxima que figura no Gran Selo dos Estados Unidos: E pluribus unum. De moitos galegos, unha soa comunidade.
O autogoberno non nace para disipar ideoloxías, ou para que o coruñés, vigués ou compostelán deixen de sentir fervor polo seu. O autogoberno é coma un ágora na que os galegos podemos estar xuntos e decidir conxuntamente como afrontar os problemas. O autogoberno, para ser efectivo nos momentos difíciles, ten que ser capaz de facernos comprender que, da mesma maneira que Galicia precisa de España, e España de Europa, os pobos, bisbarras, as cidades e áreas metropolitanas galegas precisan das demais para medrar e desenvolverse. É o que temos chamado a Galicia global. Esa Galicia global, señoras e señores, non é unha Galicia única ou un novo centralismo nin tampouco unha coalición uniforme, senón un país integrado que non se conforma con espertar do seu sono, senón que quere facerse sentir no mundo de hoxe.
Eu creo que un desexo semellante sigue vivo na nosa terra, por máis que ás veces estea agochado por polémicas pouco intelixentes. O creo porque por riba deses desacordos esporádicos, existe unha corrente imparable de unidade que se manifesta en galegos anónimos e coñecidos.
Hai poucos días, nesta mesma semana, asistía en Madrid á entrega dun galardón a Juan Ramón Quintás, un dos «pais fundadores» da moderna autonomía galega, xunto co noso galardoado de hoxe. Este mesmo sábado estarei presente noutro homenaxe ao presidente de Pescanova. Hoxe me sinto honrado de compartir co presidente de La Voz de Galicia e con Francisco Vázquez esta festa da comunicación.
Un común denominador une a todos estes homes. Creron en cren en Galicia. Pensan que é bo que teñamos resortes que nos permitan ser partícipes da historia. Eles, e outros coma eles, continúan ese fío de galeguidade que se perde na noite dos tempos, se cadra até ese primeiro romano que sentiu Gallaecia como súa.
Non son unha excepción. Creo que na Galicia de hoxe sobran exemplos de galegos que pensan e actúan de acordo con esa filosofía que figuraba no editorial do primeiro número de La Voz de Galicia. Son cidadáns que miran ao resto do mundo e ven que non hai outra clave que a cooperación para superar os problemas. Son homes e mulleres que se preguntan por que dentro de Galicia ten que persistir un minifundismo alleo aos desafíos destes tempos.
A autonomía nos fixo un país maior de idade. Iso comporta responsabilidades, obrigas e decisións colectivas. Non é este un plantexamento teórico, senón que se plasma en cuestións prácticas que poñen a proba esa nova cultura política e social que precisa o autogoberno.
Inhibirse, deixar que outros decidan por nós, volver á Galicia que só tiña un papel de espectadora, sería máis que un erro. Por iso esta mesma mañá convoquei ás caixas oficialmente, a institucións e axentes sociais para poñer en común e compartir as análises e puntos de vista sobre este asunto. O que finalmente se acorde vainos a afectar a todos, e todos teñen que pronunciarse, con independencia das facultades que a Xunta e os órganos reitores das caixas teñen na materia. Todos debemos buscar unha solución intelixente, independente e solvente.
Amigas e amigos presentes neste acto de entrega do Premio Fernández Latorre: nesa tarefa de levar a Galicia ese espírito comunal que latexaba xa nos adros das nosas igrexas, nos axuda o carácter aberto do noso país. O autogoberno non naceu para pechar nada, senón para abrir portas e fiestras ao futuro. Somos unha autonomía amable, afeita a unha maneira de ser moi diferente á doutros territorios que teiman en identidades excluíntes. Por iso aquí, a unidade que tanto precisamos ten parte do camiño feito.
Creo que podemos percorrelo xuntos. Somos un pobo de ríos, camiños e encrucilladas. Ríos que se moven incesantemente, camiños que comunican, encrucilladas nas que a xente se atopa, fala e decide o seu destino. Precisamente un deses camiños levou a Roma a quen recibe o Premio Fernández Latorre, o embaixador Francisco Vázquez. Lamento que sexa hoxe a curia vaticana e non os galegos, a que goce da súa experiencia e do seu sentido de Estado, pero ao mesmo tempo síntome orgulloso de que un paisano noso teña nas súas mans esta delicada tarefa. Porque é paisano, amigo e excelente embaixador, pídolle axuda para que o Xacobeo 2010 teña o eco que se merece na Santa Sede. Ese outro Camiño con maiúsculas une a Galicia, une a Europa, e lembra que o europeísmo naceu no espírito da xente anónima.
Señor presidente de La Voz de Galicia. Quixen que as miñas palabras estivesen inspiradas na filosofía dos fundadores desta casa. Eles e moitos coma eles, imaxinaron o que agora somos. Con aquelas palabras impresas baixo unha cabeceira nova, botaba a andar unha idea que superou situacións adversas, menosprezos e noites de pedra, até converterse na Galicia que formamos todos. Non podemos defraudar aos galegos do pasado, nin aos galegos que virán despois de nós. Fagamos ben o noso relevo nesta etapa da historia. Grazas a todos.
Grazas embaixador
Grazas Presidente Santiago Rey
Grazas a todos
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios