Di que é bastante diferente da impresión que causa; e defende o castrapo no seu contexto como defende o seu dereito a non falar de circunstancias alleas
Ás veces, as circunstancias fan que un deixe de ser noticia polo que fai e se converta en centro de atención polo que fan outros. Yolanda Castaño Pereira (Santiago, 1977) non quere dedicar un segundo a falar do individuo que, días atrás, foi xulgado por acosala con mensaxes. A poeta galega con máis proxección fóra ten cousas realmente importantes das que ocuparse; o resto é «balbordo mediático».
-¿Que tal convive coa fama da tele?
-A xente é bastante cariñosa. É certo que iso pode eclipsar outros traballos, e sempre hai quen pode dicir: «¡Resulta que, agora, á de Cifras e letras deulle por escribir poesía». Eu xa levaba once anos escribindo poesía. Pásalle igual aos actores de teatro cando saen na tele.
-Sobreviviu ao cambio de Goberno na Televisión de Galicia. «Cifras e letras» vai polas novecentas emisións...
-Continuamos grazas á audiencia que temos, que é excelente. Ao final, todo se traduce nun equilibrio entre custo e rendemento. Se funciona ben, non hai que tocalo. É un programa amable, non é politicamente conflitivo, non é agresivo, fomenta o galego... Para min tamén é unha maneira de retomar a miña carreira filolóxica, que podo compatibilizar con outras actividades.
-¿Fai un pouco de Señorita Rottenmeier?
-Supoño que ao facer o papel de correctora, sempre se me ve como a autoridade. Pero somos unhas autoridades bastante pouco ríxidas.
-¿Fóra do programa tamén vai corrixindo?
-Para nada, nin sequera teño esa actitude de cara á lingua cando baixo do plató. No programa fago un papel, o da sabidilla que sempre ten a palabra máis longa. O importante do idioma é falalo, non importa tanto como. Non son fanática da norma. E defendo o castrapo no seu contexto.
-Xa que estamos: ¿«Bueno» é galego?
-No programa temos unha plataforma para reivindicalo. O noso guieiro espiritual é o defunto Manuel María, que dicía «bueno»; iso si, con «e» aberto [ri].
-¡A ver como iamos dicir algo tan galego como «bueno, carallo, bueno»!...
-¡Claro! Eu non son capaz de dicir con naturalidade «bon». Hai que axustarse aos rexistros, non podes chegar ao medio rural en plan «imos partillar unhas horas con...». Ten que haber unha norma culta, e nunca está de máis sabela, para coñecela e usala cando faga falta e nos contextos estritamente necesarios. Igual que cando falamos castelán.
-¿Hai conflito entre linguas ou creárono?
-Penso que o crearon cunha actitude moi interesada a moitos niveis: político, económico... Aquí nunca houbo conflito e nunca ninguén quixo que se falase un só idioma. De feito, na rúa escoitas as dúas linguas.
-¿Pasará esta situación?
-Non sei. Ultimamente andaba pensando que, no 2136, por exemplo, en España habería dúas linguas oficiais, que serían o castelán e o catalán [ri], os que teñen os poderes económicos e políticos máis fortes. Se se deixa desamparado ao débil na lei da selva, acábano comendo.
-¿A televisión deixa á poeta nun segundo plano?
-Faime graza cando din: «É máis coñecida pola tele que pola poesía». ¡Home claro! ¿En que país do planeta os poetas serían máis coñecidos que os que saen na televisión? É certo que a masificación frivoliza á poesía moitas veces, déixate só coa anécdota, coa caricatura, coa estampa... Pero é curioso: os ámbitos seguen a ser non estancos, pero si que cada un vai polo seu lado. Non penses que subiron moito as vendas dos meus libros desde que saín en televisión. Pero non só hai que contar o público da poesía en termos cuantitativos, é un público de calidade.
-¿Un poeta pode chegar a facerse rico coa poesía?
-É posible vivir da escrita, eu puiden conseguilo despois de moitos anos, pero de todo o que hai arredor da escrita: colaboracións en prensa, recitais, charlas... Pásalle moito tamén á xente da música. Agora toca renovar a canle de comunicación da poesía, non lle queda outra.
-¿En que anda?
-Nun proxecto que non se conta porque, se non, se gafa. Sempre me anda bulindo algunha idea na cabeza. E tamén á espera de que saia a edición bilingüe de Profundidade de campo, en Visor, para o resto de España e Latinoamérica. E unha nova entrega de poesía infantil do personaxe ese que creara, o vermiño punki.
-¿É boa de aturar?
-Son bastante diferente da impresión que causo.
-¿Altiva?
-Creo que ten que ver cos meus rasgos físicos.
-Despois dun rato falando xa non o parece...
-Os actores tamén dependen tanto do físico que, segundo a pinta que teñan, fan de bos ou malos. Se fose actriz, eu faría de mala. Creo que eu reflexo bastante ben o esquema de valores da persoa que teño diante, cheguei a esa conclusión.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios