Poucos sitios para pasar o verán como Ardebullo, onde se xuntan estes días as trece fillas da Conexa, nun pobo que, co Plan E, montou un «espá»
A estas alturas, poucos galegos non saben que José Touriñán (Culleredo, 1980) é Mucha, e Marcos Pereiro (Alemaña, 1981), Nucha. Nas noites do Luar sempre hai unha terceira irmá convocada, Carmucha, que nunca comparece porque é vítima dos imprevistos máis disparatados. Tamén é bastante coñecido que os dous facían teatro de nenos no instituto de Carral, e que se foron fogueando como artistas en bares, locais e en calquera sitio que houbera xente á que facerlle pasar un bo rato. ¿Pero como é o verán de Mucha e de Nucha? ¿Hai vida intelixente en Ardebullo? ¿Móllanse politicamente as fillas da Conexa? Para responder, cómpre poñerse en situación e, co permiso da Real Academia Galega, transcribilas foneticamente.
Pregunta. ¿Mucha e Nucha farían toples?
Mucha. Ai, as pernas ighual as poñían ao sol. O outro non creo. Home, alí na eira, onde ninguén as vexa... Pero o mellor do verán para Nucha e mais Mucha son as festas. ¡Van as festas das aldeas todas! E fan festas na casa con cantos máis pratos mellor, con todas as irmás...
P. ¿Xúntanse a comer un día todas as fillas da Conexa? ¿As trece?
Nucha. Si, as trece mAis a mamá e a madriña.
Mucha. As casadas e as solteiras. Solteiras non sei cantas haberá, pero ighual unhas sete ou oito.
P. ¿Mucha e Nucha son tamén público de «Luar»?
M. Son, de sempre. Elas acabaron no Luar porque como sempre cantaban e iso, lanzáronse.
N. Pero aghora, como están no plató os venres, déixano a ghravar. Tamén descubriron que se pode ver en Interné.
P. ¿Mucha e Nucha teñen banda ancha? ¡Que avance!
M. Non, a banda ancha aínda non chega a Ardebullo, pero teñen unha conexión normal.
N. Desas, de 56 kas.
M. Mucha non moito, pero Nucha si, está preparada en todo en general. Nucha é de traballar máis coa cabeza, estudou ¡Ata sexto! Co plan antigo, claro.
P. ¿Ligan?
N. Ligamos muchísimo [ri]. Bueno, liga máis ela.
M. E que a miña irmá é máis complicada, porque é máis cultureta, eu son máis de aquí che collo e aquí che mato, das que pensa que, cantos máis foghetes, máis grande é a festa [risotada].
P. ¿Reciben correos electrónicos dos admiradores?
M. Si, reciben, e chamadas ¡E non só de homes, mulleres tamén! A min díxome unha muller que a poñía cachonda. Mucha non lle fai ascos a nada, como ve pouco...
P. ¿Pensan en política?
N. Non pensamos en política ningunha.
P. Pero Feijoo ten un puntiño, así noviño e tal...
N. ¡Ghústalle máis a ela!
M. A min o que me ghustaba era Quintana, tiña esa cousa da erótica do poder... E a Carmucha tamén lle ghustaba ben. Xa sabes que somos tres cantareiras, Mucha, Nucha e Carmucha, pero Carmucha nunca vén.
P. ¿E a súa nai, a Conexa, vive?
M. Vive, claro. O papá morreu dous anos antes de nacer Nucha, que é a maior.
N. Así foi, dous anos antes de nacer eu, morriu el.
P. Igual tivo algo que ver que andaba por aí don Nicanor...
M. Si, botando unha man ou as dúas. ¡E despois está a madriña, que tamén lle morreu o home e vive con nós!
P. ¿E a que se dedica a xente en Ardebullo?
M. Hai de todo. Hai xente que traballa no campo, na cidade, hai quen traballa en Zara, hai algúns fodidos porque traballaban en Caramelo... Temos un sobriño traballando na Citroën en Vigho...
P. ¿E Ardebullo está saneado? ¿Precisa de algo?
M. ¡O que necesita é industria, porque polígono industrial xa ten!
P. En Galicia iso é o normal, polígonos industrias sen industrias...
N. Ai, pero valen para coller a herba, para que vaian as parellas novas.
M. ¡Ata ten piscina!
N. Están aghora montando un espá.
M. Como dixeron iso de que había que pedir axudas para o Plan E, eles pensaron ¿Algo con E? ¡Pois un espá! Tamén hai unha cousa coa piscina, empezárona cando ía a ser sede olímpica, pero tiña un carril só. E temos o río, pero o río leva pouca auga por culpa das minicentrais. Troitas xa hai menos, anda a xente pescando coas baterías, coa dinamita...
P. ¿Que pensan de Gayoso?
M. Levaba tanto tempo na casa que é coma se fora un veciño máis, un tipo de confianza, como para moitos galegos, que o tratan como a un máis da casa, un icono.
P. En galego dise icona...
M. ¿Iso non era o dos montes?
N. Media Galicia criouse con Ghayoso, e outra media adoptouno.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios