«O Goberno anterior xa non podería manter a gratuidade dos libros»

Luís Villamor

GALICIA

Vázquez di que o bipartito tiña un burato de 3 millóns neste capítulo e que agora as familias con rendas de menos de 21.600 euros e dous fillos terán os textos de balde

05 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Axuda ás rendas máis baixas, non prexudica ás clases medias e elimina a burocracia dos centros. O conselleiro de Educación defende o cambio no modelo de gratuidade dos libros de texto, a pesar das críticas que recibe de distintos colectivos, con un dardo ao bipartito. Asegura que, a día de hoxe, o Goberno anterior non podería manter o sistema.

-Din que o cambio nas axudas aos libros de texto exclúe a mileuristas e clases medias. O PSOE di que custa 17 millóns de euros máis...

-Non, o sistema supón 20 millóns de aforro para esta lexislatura e na seguinte outros cinco máis. O anterior modelo non esquezamos que non era completamente gratuíto. Un ou dos libros tiñan que compralos as familias. Non se cubría o cen por cen, nalgúns casos tiñan que pagar 30 euros, e noutros, 40.

-A oposición di que hai trampa porque fan as contas co actual modelo en curso...

-É verdade que nesta lexislatura é moito máis significativo, pero traballando cos datos reais ese aforro se produce e dedicarémolo á educación e a cuestións claras como a mellora dos comedores e do transporte escolar, e a traballar a prol dunha educación que teña menos taxa de abandono. O Goberno anterior non podería manter a situación de gratuidade, porque é deficitaria e hai que poñer 4,5 millóns e medio para que poida seguir ofertándose. Tiña un déficit de tres millóns, e este ano en lugar de 150 euros ao mellor tiña que dar 120 ou 133... É demostrable. ¿Que facemos? ¿Seguimos co mesmo sistema?

-Pero o servizo estaba universalizado...

-Cremos que non é pedagóxico, que trae máis traballo aos centros. O noso sistema elimina a burocracia, afórrase o gasto en fotocopias -e non é legal fotocopiar libros- e trátase de axudar ao que máis o necesita. É un sistema progresivo, porque a unha familia con dous fillos, por debaixo dos 21.600 euros se lle paga o cen por cen, e ademais os libros son deles. Poden interactuar, tachar no texto e non se fan grupos distintos na aula: iso é cohesión social.

-¿Van cubrir ese déficit millonario que din ter atopado?

-Temos que intentar cubrilo. Temos a obriga de dedicarnos á xente que máis o necesita. ¿Onde está o límite? Un 40% da poboación declarara 850 euros. A xente está pasándoo mal. Non todo o mundo ten as mesmas oportunidades, e a Administración debe cubrilas. Comprometémonos a cubrir eses 180 euros que, se os cobras ao cen por cen, é a gratuidade total. É máis xusto e solidario.

-De comedores o sistema non está precisamente sobrado...

-Estamos traballando xa nun plan de mellora dos comedores para chegar ao maior número de poboación.

-Colexios e editores critican que os pais teñan que adiantar os cartos dos libros...

-¡E que chegamos hai dous meses! Tentaremos que ás familias se lles ingrese en conta ou por cheque o antes posible.