«O proxecto da Deputación para entrar en «La Región» é contrario ao ordenamento xurídico»

M. B.

GALICIA

Como experto europeo en asuntos de competencia, ve trabas legais en adicar fondos públicos á compra de accións do xornal

30 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Enrique López Veiga critica de xeito contundente o intento da Deputación de investir fondos públicos no xornal ourensán La Región . Fala con criterio xa que, en calidade de alto funcionario da Comisión Europea, traballou catro anos na Dirección Xeral de Competencia en Bruselas.

-¿Cal é a súa opinión, como experto, da intención da Deputación de entrar no accionariado de «La Región»?

-Estou convencido de que o proxecto da Deputación é unha axuda de Estado, porque son fondos públicos e porque no fondo é unha operación de rescate dunha empresa en apuros. Isto é contrario ao ordenamento xurídico comunitario. O tratado da Comunidade Europea é clarísimo: o artigo 87 explicita cales son as axudas que se poden dar e cales non. Realmente, calquera axuda que poida favorecer a unha determinada empresa non é compatible co ordenamento. Entón esta operación non sería admisible dende o Dereito da Competencia.

-En Galicia xa houbo polémicas no pasado polos intentos de axudar a empresas case en situación de quebra con fondos públicos, como se dá agora no caso de «La Región».

-Acórdome ben que estando na política de Competencia da Comisión Europea botei unha man no tema do Grupo de Empresas Álvarez [un caso que logo remataría nunha quebra] e o que se formulaba daquela era acudir ao rescate da compañía con fondos públicos, algo que quedou claro que non se podía facer. Isto é condenable e calquera competidor o pode recurrir. A única posibilidad son as axudas de Estado, que teñen que darse dacordo cun réxime.

-É dicir, subvencións a un sector concreto, nunca a unha empresa soa.

-Claro, por iso se poden dar axudas á pesca, porque están previstas no regulamento de fondos estruturais, que son unha derogación da política de Competencia. O malo deste asunto é que cando se dan axudas que non se axustan á legalidade hai que devolvelas. E obrigan a devolvelas bastante rápido.

-¿Non representa esta operación formulada pola Deputación unha competencia desleal para outros medios de comunicación tamén privados?

-Si, sería unha axuda que falsea a competencia. Favoreceríase con fondos públicos a unha empresa en detrimento doutras que compiten sen este tipo de concorrencia. Eu recomendaría aos partidos que están detrás desta operación -sei que o PSOE a respalda tamén- que non fixeran este tipo de cousas.

-¿Cabería polo tanto que se denunciasen as intencións da Deputación se finalmente se concretase a operación?

-Podería ser incluso unha denuncia ante a Comisión Europea. A xente non sabe que a Comisión ten un poder executivo moi forte neste caso e os funcionarios de Competencia poderíanse plantar nunha empresa e esixir sen orde xudicial os papeis da operación. É unha cousa que choca moito pero é das poucas cuestións nas que ten poder executivo xa que pode actuar de oficio. Galicia e as súas Administracións non poden propiciar este tipo de cousas que sabemos de antemán que teñen posibilidades nulas de prosperar.

-Vostede di que o PSOE apoia a operación, pero tamén o PP. ¿Non teme que o critiquen desde o seu propio partido?

-Sigo sendo funcionario comunitario e dou unha opinión clara sobre o que me preguntan, como fixen sempre. Poderei ser máis ou menos popular, pero a min non me gustaría que as institucións galegas fixeran o ridículo ante á Comisión Europea.