Unha cousa é que 300.000 euros lle cambien a un a cara e outra que lle cambien a vida; e el ten claro que vai seguir a ser o mesmo que era antes do 22 de decembro
Hai que ter os mobles da cabeza moi ben colocados para non mandalo todo a paseo se a un lle toca unha boa lotería. Juan Luis Mariño Andrade (Erbecedo-Braña, Coristanco, 1956) é un exemplo de como un pode seguir sendo a mesma persoa que era antes de que, un 22 de decembro do ano 2007, un neno de San Ildefonso cantara coa súa voz afrautada a música marabillosa do 06381. Pode que a sorte lle metera a Mariño máis cartos no peto, pero só iso, cartos.
-Ola, Juan. Perdoe que lle chame a estas horas, case son as 20.30, pero me dixeron que é cando volvía de traballar...
-Non pasa nada, sempre volto sobre esta hora.
-Eu imaxinaba que alguén que ten 300.000 euros máis no banco non volvería madrugar, ou que o levaría máis a modo...
-Pois ese non son eu. Sigo traballando no mesmo, son pintor, e teño os mesmos horarios, arranco a iso das seis e media da mañá.
-¿E cun décimo do gordo no peto non considerou, cando menos, tomar o traballo con máis calma?
-Non, isto foi un pequeno esvarón, se cadra. Tiña un décimo, saíu o número e punto, pero non cambia nada.
-Ou sexa, vida normal...
-Completamente normal.
-Home, non iría a traballar xa ao día seguinte...
-Non, que era domingo. Pero agora sigo como antes.
-Como se di... os cartos servirán para tapar buratos...
-¡Que che vou contar! Para min, como para calquera, é unha axuda que é ben recibida, sempre poderás facer algunha cousa extraordinaria.
-Iso, fáleme das cousas extraordinarias que fará...
-Non teño ningunha pensada, de momento.
-Vaia... ¿Retirarse?
-¡Isto non da para retirarse! O que pense o contrario está enganado.
-A ver, que non axuda moito e hai que sacarlle as palabras a presión... ¿Non hai algunha cousa que leve toda a vida querendo facer?
-Pois non. A miña ilusión é poder axudar aos rapaces e punto.
-Ten dous fillos...
-Unha rapaza de 24 e un de 22.
-Pois eles seguro que lle dan ideas para investir ou gastar os cartos...
-Sonche sincero: tampouco. Na casa collemos o premio con alegría e punto.
-Xa sei por onde tirar: seguro que vai cambiar de coche, se non o fixo xa...
-Pois tampouco. Cando se acabe o que teño, mercarei outro, porque hoxe o coche é un medio de transporte necesario e, se non o tes, non te moves.
-¿Que coche ten, logo?
-Teño un moi vello e outro que ten tres anos.
-¿Non lle tenta un Audi, un BMW...?
-Diso non se me meteu na cachola.
-Non sei, se cadra unhas vacacións, unhas boas vacacións, viaxando por aí...
-Collín un par de días en decembro, pero tampouco penses que fixen nada extraordinario. Non me gusta viaxar, xa viaxei bastante polo traballo. Eu son un tipo caseiro, moi da miña casa, coa miña señora e os meus fillos.
-Xa coñece ese dito: «De traballar, ninguén morreu rico»...
-Iso está clarísimo, pero tampouco penses que ser rico é todo na vida.
-Xa, iso din os ricos... ¿E cambiou algo na relación cos veciños ou cos amigos?
-Todo segue igual. Sigo tendo os mesmos amigos.
-Seguro que, desde o premio, apareceu algún novo por aí...
-Iso pode pasar.
-Cónteme a súa xornada laboral de hoxe [xoves]...
-Pois nada, saio ás 6.30 e veño para á casa sobre as oito ou oito e media da tarde. Hoxe... a ver... hoxe estiven pintando un canón de escaleiras.
-¿O que menos lle gusta do seu traballo?
-Non che sabería dicir... todos os traballos teñen as súas cousas... pintar teitos.
-E, entre brocha e brocha, ¿non se lle vai a cabeza pensando no que podería facer cos cartos?
-¡Que non! ¡Que a cabeza non se me vai, o teño moi claro!
-Vale, desisto ¿Canto tempo leva co da pintura?
-Levo pintando quince ou vinte anos, antes andaba na construción. Pero estou contento neste oficio, son home de bo conformar.
-Diso xa non me cabe dúbida ningunha... Algún hobby si que terá...
-A casa, as miñas tarefas... O campo gústame moito, arranxar os xardíns, coidalos... Antigamente gustábame pescar no río, ir ás troitas, pero agora xa non vou. Hala, veña... ¿Acabaches de escribir?
-Supoño que si, non o molesto máis. Xa me quedou claro que, por riba dos cartos, está un mesmo e que vostede é un home feliz...
-Non me podo queixar.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios