Un manchego en Ferrol (II)

POR SIRO

FERROL

31 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A mediados do ano 1918 chegaba a Ferrol o submariño alemán UC-48, o máis famoso de cantos actuaron nas costas galegas na Primeira Guerra Mundial. Construido en pleno conflicto bélico nos estaleiros AGWesser e botado o 27 de setembro de 1916, participou durante dous anos en 13 accións de combate e afundiu 34 buques. Na última sufriu unha avaría mecánica e entrou en Ferrol, remolcado polo cruceiro Río de la Plata, para ser reparado.

Segundo os convenios internacionais, España, como país neutral, non podía acoller o buque máis de 24 horas, e como nese tempo non era posible arranxalo, o UC-48 quedou en Ferrol, en condición de incautado. Rematada a guerra, a comisión aliada vencedora reclamou o submariño, e o buque francés Indenfatigable viaxou a Ferrol para facerse cargo del. O 13 de marzo de 1919 fixéronse as probas de navegación, previas á entrega. O UC-48, cunha tripulación mínima e escoltado polo cruceiro Río de la Plata e o torpedeiro T14, non debería saír da ría, pero o Kapitan Leutnant Helmut Lorenz dirixiu o submariño á bocana e afundiuno á altura do Segaño.

O submariño deuse por perdido e aínda que nos anos seguintes houbo varios intentos de atopalo, ninguén deu con el. Luis Ruiz, metido de cheo no negocio de merca e desguace de buques, encirrouse en descubrilo e recuperalo; pero tiña competencia. Nos anos coarenta andaban por Ferrol o vasco Elías Querejeta e o coruñés Manuel Santa Cruz coa mesma intención. Luis Ruiz, Querejeta e Santa Cruz xogaban cada noite ao chamelo no café Avenida, pero ao día seguinte cada un ía ao seu. Luis contratou buzos e submarinistas, e un día do ano 1949 o buzo deu co UC-48.

Se laborioso fora o achado do submariño, non ía ser menos legalizar a súa recuperación. Luis Ruiz confiou o papeleo ao xestor administrativo Valentín Piñeiro, que tiña a absurda sona de gafe, pero que despois de moito ir e vir entre Ferrol e Madrid conseguiu a autorización pertinente. A Mariña quixo participar na recuperación do buque probando uns flotadores de recente construcción que deberían reflotalo, pero a operación fracasou e houbo que desguazalo no fondo do mar.

Luis Ruiz seguiu comprando barcos, vías de ferrocarril, canóns e proxectís das baterías de costa, e vendendo metais a Megasa, Bilbao Altor, Victoriano Lajo, Manufacturas Metálicas Madrileñas, Electrolisis del Cobre, Vivé y Casals? Os negocios levaron a familia a Madrid, Cartagena e El Puerto de Santamaría. No 1983 morreu Antonia, a muller, e as fillas pensaron que Luis debería volver a Huerta de Valdecarabanos, o seu pobo natal. Antía, a filla maior, mercara para el a bodega de viños na que traballara de pinche, antes de marchar a Madrid, e Luis renovouna completamente, dotándoa de depósitos de aceiro inoxidable e da máis moderna tecnoloxía, para acadar unha producción superior ao millón de litros. Pero seguiu pensando no mar e nos barcos, e tiña noventa anos cando mercou o último. Morreu no 2003, pouco antes de cumprir os cen.

Como nun relato fantástico, Luis Ruiz chegou a ser dono do barco ?o Canarias? e das bodegas de viños onde empezara a traballar. O seu foi algo así como o soño americano dun manchego en Ferrol.

sirolopezlorenzo@yahoo.es