«A filosofía das asociacións non é facer cursos de macramé, senón defender os intereses dos veciños»

Luís A. Núñez

FERROL

06 oct 2009 . Actualizado a las 12:39 h.

A tramitación administrativa para crear a a nova Asociación Veciñal de Esteiro levará algún tempo. Namentres, as entidades Fontelonga e Concepción Arenal xa empezaron a navegar xuntas baixo a presidencia de Xosé Miguel López Pérez (Barallobre, 1956), capitán da asociación maioritaria.

-¿A que responde esta unificación e neste momento?

-A creación de Fontelonga no ano 2001 debeuse a que críamos que a asociación de veciños existente non cumpría os criterios de pluralidade, democracia, participación cidadá... Pero sempre entendemos que tiña que haber unha soa entidade.

-O novo proceso de participación cidadá xogou un papel importante nas suxestións do Concello.

-Cando nos plantexaron a posibilidade de unirnos dixemos que por nós nunca ía quedar que houbese unha soa asociación no barrio. E o goberno, no novo marco da participación cidadá, marcouse como obxectivo unificalas nos sitios nos que había máis de unha.

-¿Como conseguiron salvar as súas diferenzas?

-Nunca houbo malas relacións como se dicía. Nós funcionabamos á nosa maneira e eles facíano como entendían que debían funcionar. Se houbo algunha fricción era na celebración das festas. Tivemos varias reunións cos socios por separado e as dúas manifestaron a vontade de unirse.

-¿En que medida pon fin esta unificación a posibles duplicidades na organización de actividades?

-Non había unha duplicidade. Temos o concepto de que as actividades non son o obxectivo principal. A filosofía das asociacións non é facer cursos de macramé, senón defender os intereses e mellorar as condicións de vida dos veciños do barrio. Nas actividades, agora vanse sumar as de Concepción Arenal cos actos de Fontelonga que seguiremos organizando.

-Pero ese concepto supón que agora contarán cunha maior forza reivindicativa.

-Claro. Agora créase un referente único no barrio para todos os veciños, independentemente de que sexan socios ou non, porque a efectos administrativos é como crear unha asociación nova. E invito a todos os veciños a participar porque a unión vai significar a suma de socios, de directivas e ter un local máis amplo que nos permitirá facer máis cousas. Que saiban que terán unha entidade referente para escoitalos e trasladar os seus problemas.

-Terán que facer obras.

-Vamos facer un plan de usos do local que conlevará obras. E temos o compromiso de que haberá unha partida nos presupostos do 2010.