«Hoxe as bandas de música teñen sobre todo unha función educativa»

R. Loureiro

FERROL

Director da Banda Municipal de Ortigueira, vén de organizar na vila de Santa Marta un encontro que reuníu músicos chegados de países de ambas marxes do Atlántico

20 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Carlos Diéguez Beltrán (Monforte, 1980), trombonista e licenciado en Dirección pola Royal School of Music de Londres, está firmemente convencido de que as bandas de música, lonxe de formar parte do pasado, teñen un importante papel que xogar na Galicia do século XXI. Aínda que iso si, matiza, perseguindo uns obxectivos moi distintos dos de antano. El dirixe a de Ortigueira. E alí, na capital do municipio, na vila de Santa Marta, vén de coordinar a celebración dun congreso ao que asistiron responsables de bandas de música de países como Venezuela, Arxentina, Estudos Unidos, Cuba, Eslovenia, Portugal, Holanda e Bélxica.

-¿Como son as bandas de música da Galicia do terceiro milenio?

-O nivel de calidad das bandas de música subiu moito en Galicia nos últimos tempos. O que ocorre é que a súa función, a deste tipo de agrupacións musicais, xa é moi distinta da que tiñan hai anos. Hoxe as bandas de música teñen sobre todo unha función educativa, en especial cando se trata de bandas coma a nosa, coma a de Ortigueira, porque as de carácter profesional, como as de A Coruña ou Santiago de Compostela, pertencen a un ámbito diferente.

-Cambiou o contexto.

-Os tempos que vivimos agora non se perecen xa en nada a aqueles nos que practicamente nin existían as gravacións, e nos que nos pobos a banda era o único recurso que tiña a xente para escoitar un determinado tipo de música. E hoxe a función que lles corresponde ás bandas xa non é tampouco a que poidan ter nas verbenas as orquestras de baile. Ten moito máis que ver coa transmisión cultural.

-¿É moita a xente que se inicia na música nas bandas?

-Moita, sí. Sobre todo rapaces. Hai unha gran porcentaxe de xente nova que en bandas de música como a de Ortigueira inicia a su formación musical. E hai outros aspectos que tampouco poden quedar esquecidos.

-¿Por exemplo?

-A función social das bandas de música, que ten moito que ver coa integración, con achegar entre si distintas xeracións.

-Mencionaba vostede antes o papel que xogan bandas profesionais como as de Santiago ou A Coruña. ¿Que papel lles corresponden a esas formacións, realmente?

-Bandas coma esas teñen programacións que están á altura da das orquestras sinfónicas. E en función de esas programacións, preparan as súas temporadas. Non hai, entre elas e as sinfónicas, grandes diferenzas.

-¿E cal é o perfil dos músicos que ten vostede en Ortigueira?

-O perfil é variadísimo. Temos desde músicos de 11 anos ata un de 73.

-E entre esas xeracións...

-De todo. Desde membros dunha mesma familia ata profesores e persoas que completaron a súa formación nos conservatorios pero que queren seguir vencelladas á banda do seu pobo, pasando por xente que quere tocar simplemente porque é o seu hobby .

-¿Como se logra cohesionar todo iso?

-Traballando xuntos en pos dun obxectivo común, dun proxecto compartido. Para min, dirixir iso é unha experiencia moi bonita. Na banda tes unha nai e a súa filla, tes irmáns... Ao final, entre os músicos tamén estás vendo reflectida a realidade social da propia vila.

-Durante o congreso que tiveron en Ortigueira a pasada fin de semana músicos latinoamericanos falaron do que para a vida de moitos rapaces supuxo a música.

-Así é. E explicáronnos, por exemplo, que en Colombia, desde que as bandas de música están traballando cos rapaces, descendeu moito a violencia. En Venezuela, conseguiuse abrirlles un camiño profesional a rapaces que sen a música estarían condenados a seguir formando parte do mundo dos ranchitos . E en Arxentina comprobouse que a experiencia musical axuda a mellorar o rendemento académico nos colexios.

-¿Que representan para vostede figuras como a de Pascual Veiga?

-Veiga, ademais de ser o autor do Himno, tamén tivo unha gran influencia no mundo das bandas, e iso estará aí sempre.