Paz Abraira explica o contrato cos cidadáns da comunidade do que fala o BNG para mellorar as condicións de vida
Dende Guitiriz non se ve nada. Hai que conducir cunha brúxula por unha néboa tremenda. Lugo está afundida nela. A candidata nacionalista Paz Abraira agarda impaciente, xunto ao moi eficaz asistente de prensa, Camilo Friol.
-¿Semella esta a campaña das promesas?
-[Ri] Nós, os do BNG, non destacamos polas promesas. Nós, os do BNG, temos compromisos. Só facemos promesas reais. Non prometemos por prometer como falan outros de rebaixas nos impostos ou dun cheque regalo de 400 euros. Os impostos son necesarios para sufragar os servizos públicos.
-Falan vostedes moito de firmar un contrato cos galegos. ¿En que consiste o contrato?
-Subscribimos un contrato cos cidadáns galegos, neste caso, cos cidadáns de Lugo, para mellorar as condicións de vida. Somos os únicos que estamos comprometidos co país. Os resultados anteriores nesta provincia, dous deputados para o PP e dous para o PSOE, aos lucenses non lles serviron para nada. Os galegos dos partidos estatais só fan o que lles mandan en Madrid.
-Vostede, Iago Tabarés en Ourense, ¿o BNG aposta pola mocidade?
-Todas as organizacións van introducindo persoas mozas. É lóxico. Eu participei na constitución de Galiza Nova. Ao mellor non temos a experiencia doutros, pero aportamos a frescura de levar menos tempo.
-Os indicadores económicos de Lugo meten medo.
-Nós cremos nesta provincia, na súa xente. Apostamos por ela.
-As enquisas falan de empate.
-Non vai haber maiorías absolutas. E nese escenario o nacionalismo galego vai ser decisivo. Van ter que contar co BNG. E temos unhas condicións moi claras: a pluralidade do Estado, as competencias pendentes e as infraestruturas. Lugo non pode seguir descolgado do ferrocarril, tanto do AVE como dos cercanías. E teñen que rematar a autovía.
-A provincia pode saír adiante.
-Hai que defender os nosos sectores produtivos. Temos unha poboación agraria. O 16 por cento da cota láctea do total do Estado está en Lugo. Lugo non e o mesmo que Estremadura. [Aporta máis datos alucinantes. Lugo ten 11.200 dependentes para a nova lei e un terzo da poboación ten máis de 65 anos].
-Vostede proclámase como a única candidata residente. ¿É por se José Blanco, do PSOE, está máis en Madrid que en Lugo?
-Nesta campaña non vai aparecer por Lugo. Máis lle valía presentarse por Madrid.
-¿Que me di do PP?
-A proposta do Partido Popular é manter o atraso. O atraso do que é o gran culpable durante anos. O único cambio posible é o BNG. Se incrementamos en 2.000 votos os resultados das municipais, romperemos o dominio deles.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios