«O resultado foi bo porque ninguén daba un peso por nós»

ESPAÑA

Guillerme Vázquez asegura que non está entre as súas preocupacións ser o candidato

22 nov 2011 . Actualizado a las 09:20 h.

Semella que a resaca dunha longa e intensa campaña electoral non levantou moita dor de cabeza na dirección do BNG. Guillerme Vázquez, portavoz nacional, afronta o día seguinte co sorriso de alguén que ten os deberes feitos.

.

-¿Segue vostede a pensar que o Bloque obtivo un magnífico resultado?

-Para ser exactos, e está gravado, eu dixen que podíamos celebrar ter representación. E a unha pregunta contestei con esa palabra referíndome ao feito de manter os deputados nun contexto no que non se nos aventuraba esa posibilidade. Agarrarse a unha palabra serve de pouco.

-¿Cre que a existencia de enquisas adversas serviu para mobilizar voto en Pontevedra?

-Nós orientamos a campaña electoral a unha dirección dende o principio, sabendo as dificultades, e co convencemento de que o traballo da militancia, a súa actividade, ía ter un papel fundamental. E iso tivo o seu reflexo. En Pontevedra houbo incluso unha mellora lixeira de porcentaxe de voto. Pero non sei que papel xogaron as enquisas.

-¿En que medida a maioría absoluta do PP vai dificultar o traballo do BNG no Congreso?

-Maiorías houbo toda a vida. E, como vivimos en democracia, hai gobernos e hai oposición. Se partiramos da tese de que unha situación parlamentar así invade o traballo dos grupos pois deixaríamos todos o Congreso.

-Eu referíame ao impacto a efectos prácticos de sacar adiante propostas...

-A ese nivel terá todo efecto práctico da defensa deste país, como xa ocorreu. Xa vivimos maiorías co PP e se antes tiña virtualidade a nosa presenza seguirá acontecendo o mesmo agora. E máis nun contexto de crise económica e social como a que vivimos.

-Chama a atención que o BNG sexa das poucas forzas de esquerda que non se beneficie da caída histórica do PSOE...

-Eu non vou entrar nunha análise pormenorizada que daría para varias teses. Efectivamente, Izquierda Unida subiu, pero nós mantemos unha representación nunha conxuntura que non era fácil. Non se poden facer lecturas de transvase de votos que corresponden a anos atrás.

-Pero vostedes perderon 30.000 votos mentres outras forzas subiron...

-A min paréceme extraordinario. Nós temos dous deputados e unha porcentaxe de voto moi parecida á do 2008: un bo resultado cando ninguén daba un peso por nós. As análises teñen que ser coherentes antes e despois. Dicíase que o BNG xogábase o seu futuro se non mantiña os escanos e cando o logra veñen os paus.

-¿Como aborda o Bloque agora a próxima asemblea e o proceso de refundación do que se falou tras as municipais?

-Como calquera grupo político. Falando e discutindo a liña estratéxica e elixindo unha nova dirección. Con toda normalidade.

-Beiras fixo unha lectura crítica dos resultados e volveu amagar onte con marchar se non se recupera o espírito plural do BNG...

-Non vou facer comentarios. Eu agradezo á militancia e aos votantes o esforzo e a confianza. O Bloque, repito, non faiará á palabra dada.

-¿Con estes resultados está vostede nunha mellor posición para ser o próximo candidato do BNG á Xunta?

-O problema, para min, é resolver nunha dirección diferente os retos que están a padecer centos de miles de galegos. Agora mesmo, o que me preocupa é que Galicia teña un futuro mellor.

GUILLERME VÁZQUEZ PORTAVOZ Do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO (BNG)