O volume do autor de «Os eidos» poderá adquirirse mañá co xornal por só un euro
Presentado na Real Academia Galega nun acto celebrado o pasado mércores, o poemario Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas, de Uxío Novoneyra, poderá ser adquirido mañá polos lectores de La Voz por só un euro adicional ao prezo do periódico. A obra, de 126 páxinas, está editada en rústica con lapelas nunha coidada edición que inclúe no adral un fermoso soneto de Salvador García-Bodaño, así como numerosos caligramas do autor.
Escasamente coñecido, este poemario que apareceu por primeira vez en 1979 súmase así á serie de publicacións que La Voz vén poñendo cada ano a disposición dos seus lectores coincidindo co Día das Letras Galegas, como contribución á homenaxe colectiva ao autor elixido en cada caso. Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas leva implícita no título, ao dicir do presidente da Real Academia Galega, Méndez Ferrín, unha ironía que deixa claro nese «e outras rotas» unha advertencia «para que ninguén pense que isto forma parte da propaganda do Xacobeo».
Nunhas breves notas introdutorias do propio Uxío Novoneyra explícase que «O Camiño de Santiago, anque esté tan presente, opera eiquí máis ben como motivo ou imaxe desencadeante. Pois trátase doutro rito da memoria: unha pelerinaxe en lembranza do máis antigo modo de estanza na terra, despois do dos cazadores: o da gleba ou do rural. E por eso esta pelerinaxe celebratoria, do que a por de fixado se creu permanente e xa é pasado pacificado por irretomable».
A obra é unha homenaxe ao Camiño en sentido amplo, como queda patente desde a cita de Rumi («Deixa o teu lugar de honor porque a rota mesma o é») que abre o volume. Pero plasma tamén o compromiso do poeta coa Terra, coas súas xentes e con todo aquilo que representa a súa esencia como pobo, en especial a lingua. E ao referirse a esta, sinala o poeta do Courel que «como a Poesía Galega (non sei se tamén a portuguesa) se refinou en demasía e se arredou tanto da fala popular nun xa por esaxerado estúpido antirruralismo quixen mostrar niste poema a plenitude expresiva dos que traballan as terras arredadas. E recordar que inda hai moito idioma por descubrir».
Outra particularidade do volume é a absoluta fidelidade ás diferentes opcións lingüísticas de Uxío Novoneyra, que en todos os casos supoñen unha escolla supeditada ás necesidades da versificación e tamén a esa manifesta intención do poeta do Courel de manter un patrimonio conservado especialmente polo mundo rural. Que «ninguén toque a palabra dos poetas», ten dito.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios