«Esta é unha feira renovada, multisectorial e de tempada»

Amelia Ferreiroa

VILA DE CRUCES

Na Praza Juan Carlos I sitúase a carpa baixo a que dezaoito establecementos cruceños amosarán os seus produtos

14 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A presidenta da Asociación de Comerciantes de Vila de Cruces emprega o seu tempo e esforzo entre a súa tenda e os últimos detalles da feira de oportunidades, que se celebrará esta fin de semán na vila.

-O tempo sempre é un factor importante para unha feira. Para nós o ideal sería que fixera sol pero con temperaturas suaves para que a xente se quede por aquí. A miña recomendación é que o fagan, claro.

-Van pola terceira edición da Feira de Oportunidades, ¿cal é a novidade máis salientable desta?

-Esta é unha feira renovada, multisectorial e de tempada. Cando fixemos as anteriores edicións o que máis había era téxtil pero agora os visitantes poderán atopar de todo. O abano de expositores é moi variado: xoiería, florería, moda, decoración, calzado, óptica, mercería, libros... En total somos dezaoito establecementos comerciais os que poremos a disposición do público todo tipo de artigos e mesmo decidimos vender prendas desta tempada.

-¿Acordaron vostedes pór prezos asequibles?

-Prezos para todos os petos. Non están os tempos para prezos elevadísimos... É unha feira na que pretendemos vender o maior número posible de artigos. As dúas anteriores edicións foron un éxito polo que nesta terceira cita, que será moito máis ampla e con moita máis variedade de produtos, esperamos que o éxito será aínda maior. O resultado o poderemos ver o domingo á noite, ao que remate todo.

-¿Que horario de apertura de tendas estableceron dende a asociación?

-Todas as tendas da feira estarán abertas permanentemente de dez da mañán a oito da tarde. Non se pechará en ningún momento para favorecer a compra de todos aqueles que nos visiten. Como vai coincidir coa feira dos cans pensamos que o ir e vir será constante ao longo das dúas xornadas.

-¿Que cantidade desembolsará cada asociado por asistir á feira?

-Pois a verdade é que non o sabemos aínda. O que sí che podo decir é que o prezo será o mesmo para todos os socios e que as tendas quedaron ben xeitosas. Hoxe mesmo -por onte- estábase a ultimar a instalación da carpa baixo a que van as tendas. Temos que agradecerlle moito ao alcalde o trato para coa asociación. Está colaborando moito con nós.

-¿O colectivo que preside xa está programando outras actividades?

-A cabeza dá moitas voltas e ideas temos moitas pero agora só temos tempo para centrarnos na feira. Montar os stands e pór todo da nosa parte para que saia ben.