«Se o traballo se reflicte nos resultados, faremos unha boa tempada»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LALÍN / LA VOZ

LALÍN

O esforzo e a capacidade de sufrimento serán as armas dezanas

12 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Roberto Granja encarna a esencia do Embutidos Lalinense Balonmán Lalín, traballador e entregado. A súa solvencia en todas as facetas do xogo converteuno ao longo dos anos no pivote indiscutible do equipo, e as súas ausencias tradúcense no marcador. Iniciou a tempada perdéndose o segundo partido ante o Porriño por mor dunha rotura fibrilar, pero a semana pasada xa se mediu á SAR. Atópase ben fisicamente, e mesmo os problemas que curso tras curso lle afectaban aos xeonllos, parecen superados. «Estou estrañamente ben, o traballo que fun facendo dende maio ata aquí notouse».

-¿Como está a ver ao BM Lalín no inicio da Liga?

-Estanos custando un pouquiño arrancar, e igual non se está vendo todo o traballo de pretempada como debera nos partidos. Supoño que iremos mellorando e sendo máis consistentes e constantes, tendo menos lagoas nos partidos.

-¿Eses minutos de lagoas son fixos?

-En todos os partidos nos pasa que nos imos uns minutos. Ante a SAR houbo un nivel medio máis uniforme, aínda que a finais da primeira metade tamén tivemos un lixeiro baixón. Na derrota ante o Porriño foi onde máis despistes tivemos, pero co paso dos partidos iremos reducindo ese menor rendemento.

-¿Ve o equipo a bo nivel?

-A nivel físico estamos a boa altura, nos tres partidos que xogamos estivemos por encima dos nosos rivais no plano físico. En canto a rendemento deportivo, de xogo, estaremos a un 70% do que podemos chegar a dar. Temos marxe de mellora.

-¿Cales son os puntos fortes e febles deste Embutidos?

-Os puntos fortes son o traballo que levamos feito, xa que fixemos unha pretempada longa e bastante intensa. Tamén a xente que se incorporou de pleno, como pode ser Ramón, Losón ou Óscar está poñendo intensidade e volcándose. O que nos falta é que baixamos en canto a número de xogadores con experiencia na categoría, un aspecto que che daba un plus á hora de afrontar os partidos e manexalos.

-¿Detecta moitas diferenzas entre o xogo do Embutidos deste curso, respecto ao do ano pasado?

-As baixas limitaron as nosas posibilidades, aínda que os xogadores que chegaron están facendo un bo papel. O equipo ten menos opcións, pero compensámolo con outro xogo, empezando por ser máis fortes atrás. Se o traballo que se fai se reflicte nos resultados, faremos unha boa tempada.

-¿Que opina da categoría?

-Esta tempada non hai un Gijón, e quizais é máis atractiva porque é máis igualada e non hai esa superioridade en ningún rival. Vai ser difícil gañar tres partidos consecutivos.

-Esta semana reciben ao líder, o Ademar.

-Tenos un calendario complicado, e levamos anos se xogar contra eles, pero por Lalín xa pasaron homes como Entrerríos, Garabaya ou Montoro, e penso que é un engadido. Xa lle temos gañado, e tentarase de novo.

-¿Onde ve ao Embutidos ao final da Liga?

-Imos sufrir, iso seguro, porque de gorra non se vai gañar ningún partido, pero se tes argumentos e capacidade de sufrir, que non nos falta, podemos facer unha boa tempada. Penso que entre o primeiro e o cuarto posto.

roberto granja xogador do bm lalín