O Embutidos está pendente das sancións

L.G.C. LALÍN / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

29 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

No Embutidos Lalinense BM Lalín aínda remoe o vivido na cancha da Avilesina o pasado sábado. A actuación arbitral enervou ao equipo dezano en La Magalena, pero para máis inri, podería traer consecuencias esta semana. O conxunto de Nacional está á espera de coñecer as sancións impostas polo comité, pero á vista do recollido na acta arbitral, o certo é que Josiño e Bruno poderían perderse a penúltima xornada da Liga, xa que viron a tarxeta vermella directa. Tamén se baralla a opción de que Alberto Miguélez, tamén expulsado, teña que ver o partido dende a grada.

Roberto Granja, que tamén acabou o encontro contra a Avilesina descalificado, non corre o risco de perderse a visita do OAR, xa que viu a vermella por tres exclusións.

Á marxe do capítulo de sancións, a derrota en Avilés non supón o retroceso dos lalinenses na táboa, xa que se manteñen sextos con 27 puntos, un máis có Novás, que tamén perdeu ante o Lavadores. O principal beneficiado da pasada xornada foi o OAR Coruña, que grazas aos dous puntos que sumou ante o Seis do Nadal, pasa a ocupar a cuarta praza da táboa, relegando á quinta posición a un Chapela que sucumbiu de un gol ante o Zamora.

Os que non se inmutan son os tres primeiros clasificados. O Medicentro segue sumando puntos, o Xiria moi mal tería que rematar a Liga para ceder a segunda praza, e o Lavadores, con tres puntos menos cós de Carballo, confirmaron a súa impresionante tempada.

Da metade da clasificación para abaixo, poucas novidades. O Novás segue sétimo, o Seis do Nadal oitavo e o Porriño noveno. O Zamora é décimo e a Avilesina asegurou a súa permanencia. O Cisne é duodécimo e a SAR confirmou o descenso.