«A xente ten ganas de volver xogar unha fase de ascenso»

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LALÍN/LA VOZ.

DEZA

O extremo lalinense confía en que o Embutidos sexa un dos equipos que pelexe polas primeiras plazas ata o final da Liga. A chave: saír enchufados aos partidos

02 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Embutidos Lalinense Balonmán Lalín deixou atrás o mes de novembro e encara xa o remate da primeira volta da Liga en Primeira Nacional. Avilesina, OAR e Seis do Nadal son os rivais que agardan este decembro aos lalinenses, e ante os que confían en asinar bos resultados. Á fin e ao cabo, non hai mellor menciña para as derrotas que retomar o camiño da vitoria, como sinala Xosé Manoel Hermida, «Josiño», optimista no que respecta ao futuro do seu equipo.

-As dúas últimas semanas non foron positivas para o equipo. ¿Como se dixiren as derrotas?

-Está claro que os últimos resultados non foron bos, pero temos confianza en retomar a boa senda. Perder dous partidos non é decisivo, e vese porque estamos aí arriba. Esta Liga está sendo moi aberta e non se vai decidir nada ata o remate. Agora a nosa prioridade é afrontar os tres partidos que nos quedan da primeira volta e tentar gañar os tres antes do parón. Esta semana, despois de dous partidos perdidos, xa hai moitas ganas de vencer.

-¿Como se analizan dende dentro as derrotas ante Medicentro e Chapela?

-Foron partidos moi diferentes. Por exemplo en Novás saíunos todo á perfección e en Chapela todo ao revés. Co Chapela empezamos mal e nerviosos, e nunha cancha coma esa é moi difícil remontar. O partido do Medicentro foi diferente aos outros dous porque estivo máis igualado pero eles xogaron mellor en momentos puntuais e por iso se levaron os puntos. En calquera caso, ao equipo non lle faltou actitude en ningún momento, e pelexamos sempre.

-¿Considera que puido pasar factura xogar tres encontros consecutivos contra equipos que apuntan a aspirantes a fase, ou cando menos, contra planteis tan potentes?

-Non creo. Esta tempada temos dous, e ata tres xogadores por posto, e calquera pode xogar se outro ten un día espeso. Penso que non foi unha carga engadida.

-¿Coincide na idea de que esta Liga é moito máis igualada ca anteriores?

-Si; está sendo unha tempada moito máis competida e a Liga está moi aberta. O Medicentro non é que teña unha calidade moito maior que a dos demais equipos, pero si está máis traballado e penso que será un dos equipos da fase; sabe ao que xoga. O Porriño tamén vai estar aí arriba; o Novás pode facer unha segunda volta como a do ano pasado, e o Chapela seguro que fará unha segunda volta moito mellor que a primeira. O que tamén vai haber que ter en conta a partir de agora son as lesións e como aguanten as plantillas.

-¿E que me di do Balonmán Lalín?

-Temos un bo equipo e estamos para loitar arriba. Perdemos tres partidos e vanse perder máis; será a segunda volta a que nos dirá se merecemos estar aí arriba, aínda que a xente ten ganas de volver a xogar unha fase de ascenso, e creo que hai equipo para pelexar.

-Antes falabamos de teóricos aspirantes, e do igualada que está a Liga. ¿Pensa que os enfrontamentos directos determinarán os aspirantes a fase, ou entrarán terceiros equipos?

-Hai secundarios que van ter moito que dicir; non penso que se vaia decidir a fase polos enfrontamentos directos porque todo está igualadísimo. O nivel subiu moito esta tempada e fóra da casa, se saes durmido, calquera che pode dar un bo susto.

-De ter que poñerlle algún pero ao xogo do BM Lalín, ¿cal sería?

-Adéstrase ben e trabállase forte. Igual nalgún partido saímos algo fríos e iso custounos caro. Temos que saír enchufados en todos os encontros.

-A nivel individual, ¿que tal está a vivir a tempada?

-Estou contento; fisicamente atópome ben e na segunda volta nós sempre tentamos dar o máximo de nós mesmos.

-Antes do arranque ligueiro protagonizou un bo susto con brecha na cabeza incluída.

-Foi un susto grande, pero como non pasou a maiores, logo se esquece. Case te acordas máis de cando sofres roturas de fibras, que che son máis latosas.