Pleno de vitorias para o Embutidos tras superar a un correoso Xiria

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LALÍN/LA VOZ.

DEZA

10 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Catro de catro. O Embutidos Lalinense Balonmán Lalín confirmou o seu gran arranque ligueiro sumando a súa cuarta vitoria da tempada, e segunda como visitante. O cadro de Alberto Miguélez afastou de si o medo aos últimos minutos que a tempada pasada lle custaron varios puntos, e a base de oficio -sobre todo nos instantes finais- levouse un partido no que ofreceu diversas caras, dende a mellor da tempada no primeiro tempo, a unha máis discreta no segundo.

Embutidos Lalinense e Calvo Xiria confirmaron as previsións e protagonizaron un partido moi igualado e intenso que comezou cun ritmo endiañado: xogo rápido, goles sinxelos e diferenzas curtas. Tras certo tanteo inicial, e cumpridos os dez minutos, o BM Lalín foi apertando a defensa e facéndose co partido; exhibían os lalinenses o seu mellor xogo dende que deu comezo a tempada, e o marcador xa se inclinaba a favor dos visitantes. Os de Miguélez chegaron a desfrutar dun rédito de seis goles que se quedaría en dous nos últimos cinco minutos logo de que os dezanos baixasen o ritmo e deran cancha ao rival. O Embutidos deixaba escapar aí varios tantos de rédito que lle poderían ter evitado apuros ao final do partido. Ao descanso foise 13-15.

Segunda metade

O minutos de repouso sentáronlle mellor ao Calvo Xiria có Lalín, conseguindo os de Carballo recortar distancias e mesmo dar a volta ao marcador. Abríase aí un novo episodio do partido, cos dous marcadores moi parellos e vantaxes mínimas para uns e outros. O cadro lalinense resentíase do esforzo físico da primeira metade e non conseguía xogar ao contraataque, quedándolle como única opción as opcións de ataque estático; ademais, aos de Alberto custoulle deter ao central do Xiria, referente do seu equipo na segunda metade. Así se chegou aos últimos minutos do encontro, cos dous equipos xogándose os puntos, pero cun Lalín máis asentado e menos precipitado que era quén de conseguir un rédito de dous goles a falla de dous minutos. Aínda que o Xiria recortou un tanto a falta de 30 segundos, os de Alberto souberon ler o partido ata deixalo no 27-28.

«Soubemos rendabilizar»

Tivo que traballar, e moito, o equipo de Alberto Miguélez para adxudicarse os dous puntos en Carballo ante un rival moi correoso e traballador. «Custounos moitísimo, pero penso que aprendemos a rendabilizar o balón nos tramos finais dos partidos; soubemos xogar os últimos minutos tanto en defensa como en ataque», evitando precipitacións e nervios innecesarios. O adestrador lalinense valorou de xeito moi positivo os dous puntos logrados nunha cancha tan complexa como a do Xiria, e fronte a un rival que non baixou os brazos nos 60 minutos.