O Embutidos Lalinense pretende impoñer o seu ritmo na casa do Xiria

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LALÍN/LA VOZ.

PONTEVEDRA CIUDAD

09 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Cuarta xornada de Liga en Primeira estatal, e novo desprazamento do Embutidos Lalinense Balonmán Lalín. O cadro que adestra Alberto Miguélez viaxa esta tarde ata Carballo para medirse ao Calvo Xiria a partir das 19 horas. O conxunto lalinense, que asina un pleno de vitorias nos tres compromisos ligueiros xa disputados, tentará dar continuidade ao seu bo arranque sumando dous puntos nunha pista sempre complicada, e na que esta campaña xa sucumbiu a Avilesina por 28-27.

A nómina de xogadores dos que Alberto Miguélez poderá tirar esta tarde non inclúe Nico, e pode que tampouco a Martín. O central estase a atopar con sucesivas lesións neste arranque ligueiro, e pode que esta tarde tampouco poida ter minutos; o xogador roxinegro arrastra unha inflamación nun nocello que xa lle impediu traballar con regularidade esta semana, e que podería afastalo tamén da pista de Carballo. Alberto Miguélez estaba pendente de como se presentaba ao adestramento de onte para decidir respecto da súa convocatoria. A outra dúbida por resolver na tarde de onte era a referida aos porteiros que viaxarán co equipo.

Aínda que os resultados que acompañan ao Embutidos Lalinense están a ser positivos, Alberto Miguélez non quere exceso de confianza para o partido desta tarde. «O Xiria é un equipo difícil, e máis aínda na casa», avisa o técnico, que non quere que un resultado inicial adverso obrigue aos seus a remar contra corrente.

O rival que agarda o Embutidos en Carballo baséase «nunha defensa dura e con intensidade; corren moi ben á contra e aínda que non teñen moi bo lanzamento exterior, saben suplilo», sinala Miguélez. Para darlle a volta ao xogo do Xiria, o adestrador roxinegro pretende que sexa o seu equipo o que marque a pauta do encontro. «Nós temos que impoñer o noso ritmo e tentar non estar atascados en ataque». Alberto sostén que o Embutidos Lalinense non acaba de atopar o seu ritmo ofensivo e sofre demasiadas precipitacións en lanzamentos que poden levalo a entregar o partido.

Partidos da base

Cadetes e xuvenís do BM Lalín visitan hoxe ao Cisne. Os cadetes xogarán en Pontevedra a partir das 11 da mañá, e a continuación, ás 12 horas, chegará o momento do equipo xuvenil.