Orde e progreso

Matías R. da Torre

DEZA

20 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Nos últimos tempos houbo xente que tivo a reacción de cuestionar e recriminar algunha das posición públicas do BNG de Silleda a respecto do flagrante incumprimento por parte dalgunhas persoas ou do propio Concello das ordenanzas municipais ou a normativa básica ou leis superiores de ordenación urbanística.

Os trasdezaos e trasdezás debemos ser definitivamente conscientes de que o noso urbanismo nun sentido amplo ten sido un escándalo de grande embergadura desde hai moitos anos, proba de todas as falcatruadas que se teñen cometido en nome do progreso ou do descarado beneficio individual son, por exemplo, as fantasmagóricas, enganosas e discriminatorias alturas permitidas ano tras ano para a promoción dunha habitabilidade irregular nos edificios de Silleda e A Bandeira; a desaparición das frondosas carballeiras que existían nas prazas da feira das nosas vilas; a escura falta de espazos verdes ou o mínimo sentido estético; as despropositadas eivas nas exixencias por parte do Concello na limpeza de terreos urbanos, vivendas, rúas, ou, como non, o patético incumprimento da normativa básica de accesibilidade para as persoas discapacitadas ou con mobilidade reducida, atrancos que seguen a ser obvios, e etc, etc, etc.

A todo isto podemos engadir o clamoroso favoritismo que se ten dado cara algúns na concesión de licenzas ilegais decididas e asinadas polos gobernantes municipais, algunhas con sentenzas xudiciais en contra, que non farán máis que carrexar aínda máis gasto ás arcas públicas, ao diñeiro de todos, co que se xogou e se segue a xogar, ben por clientelismo ou manifesta inoperancia municipal.

Todo isto demostra, pois, dúas necesidades fundamentais para levar a cabo xa no noso Concello: 1º O escrupuloso cumprimemento das normas das que nos temos dotado. 2º A aprobación inmediata dun PXOM que nos serva para poder progresar e ordenar dun xeito legal, xusto e equitativo para todos os cidadáns por igual. Un PXOM que se cumpra e do que nos beneficiemos tanto particulares, como emprendedores e, por suposto tamén, a empresa colectiva que supón a construción do noso Concello, logo da desfeita que até o momento se deixou facer no urbanismo e na xestión económica.

É a hora de concienciármonos todos e todas, individual e colectivamente, que temos que ser iguais ante a lei, e esta non pode ser a da selva na que se fai e de desfai ao antollo dalgúns para lavarlles despois a cara. (Semella) que xa chegou o momento e este é o de cumprir co pobo, para que, porén, o pobo tamén cumpra.

Esta é a liña a seguir polo BNG, a da reivindicación, defensa e posta en valor dun urbanismo ben entendido, solidario e normativizado, que nos dea deberes de verdade, co cumprimento dunhas normas, as únicas, que en todo o caso, permitan que todos sexamos iguais ante a lei (a de Silleda e non a da selva) para a acadar a orde e o progreso.