Arte na veiga ante o seu destino

P. Viz / M. Míguez / M. Souto LALÍN/LA VOZ.

DEZA

A obra de Fernando Rodríguez, Cano, esmorece coa primavera cumprindo o obxectivo de proposta efémera e transgresora

16 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Chegoulle a sazón. Estaba programada. A obra que Fernando Rodríguez, Cano, creou como Arte na veiga está entrando no seu destino, esmorecendo na carballeira de Costoia de Siador, ao pé da veiga do río da Gouxa.

Arrancaba todo o pasado outono cando limpou e ordenou a carballeira rozando, torando os carballos vellos, amoreando a molimada, amontoando as pólas e os paus... Como fai calquera labrego curioso cos seus bens pero con matices, con intención transgresora como única arma para espertar inquedanzas, para situar con descaro o home ante a natureza, para mostrar o normal da vida no seu escenario.

Fernando Rodríguez aparcou as ferramentas de diario, apartouse da pedra e da madeira de taller e do bronce que tantos acabados brillantes lle dan e ten espallados por aí, nobres. Colleu o podón, a macheta, a serra, as propias mans e púxose a compoñer monumentos naturais, pezas que enlazan co ser galego. Non torou carballos para o lume, deulle formas como colares inmensos. Non amoreou leña no cuberto, viroulle o xeito, fundiuna en formas cal rosetón románico, cal vidreira. Non desprezou as poliñas, compuxo coroas ou niños (todo se amosa) ou non cerrou o círculo e xerou a figuración dun auténtico torque. E coas moricas de molimada creou un fermoso espazo de sensacións xeométricas.

E fixo todo isto Fernando Rodríguez encamiñado a outras mensaxes ben diferentes. Quere romper o velo de quen non mira como muda o medio. Creou todo para que morrera ao ritmo da natureza. Un escenario de como se destrúe e se crea día a día, estación a estación.

Neve, auga, sol, vento...

Todo empezou a saberse o día dunha gran nevarada, o 10 de xaneiro. Uns poucos atrevidos estiveron co artista na carballeira. Hasta Celsiño ceibou un conto recollido en Zobra. Empezou todo en outono, entrando un inverno que xa reinaba. Pasou a neve e volveu, veu o sol, a choiva, a auga, o temporal de todo xunto e ata Katrina e os ventos previos moito máis potentes.

E pasou o inverno e os monumentos de Fernando Rodríguez e de quen quixo e aínda queira velos foron mudando paseniñamente. A invernía foinos traballando, debilitando, e esmorecen. Pode saber, quen non sabía, como o carballo perde folla e pólas e éstas van podrecendo. E, se seca a árbore, segue o mesmo camiño que se acelera coa choiva que o rebrandece, coa caída da folla que lle garda a humidade, co sol que o escacha e co vento, que remove todo. En cada forma con neve, auga, follas... todo mostra un mundo de estampas de grises neste bosque de medio cento de carballos e de brillos e contrastes de elevado impacto visual co espertar do sol entrándolle de fronte á veiga e ao monte que atesoura o arte efémero do escultor silledense. Ogallá fose obxecto de desexo escolar esta viaxe. Poucas veces é tan doado ver mudar o mundo con complementos esculturais de apoio. Espectáculo da vida só para quen se da a opción de mirala, aprendendo coa proposta de Fernando a poñer ollos no entorno.

Cumpre neste tempo o obxectivo desta proposta de arte efémera e transgresora. Rebenta a vida coa primavera e a carballeira mostra o que quería mostrar o escultor: O efémero das cousas. Xa apousaran as follas e agora aparecen as silvas, os sabugos, os fentos,... acelérase a descomposición. Pronto haberá que rozar de novo. Empezar outro ciclo que volverá a mostrar a grandeza e o desprendemento (crear para ver desaparecer) dun artista sempre máis integrado coa carballeria ca cos focos mediáticos.