Patrocinado porPatrocinado por

González Taboada, o alcalde que iniciou o actual progreso de Lalín

Daniel González Alén

AGRICULTURA

04 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

No pasamento de Luís González Taboada Licho , o que fora alcalde de Lalín ao longo de mais de vinte anos nas décadas dos 60 e 70, coidamos preciso deixar constancia, malia a urxencia que require este traballo, do aínda non ben recoñecido labor deste persoeiro que nos últimos anos da ditadura franquista, ao fronte dunha corporación municipal con escasos medios foi quen de poñer as bases do recoñecido progreso de Lalín, que continuarían nos anos seguintes os seus sucesores á fronte da alcaldía lalinense Xosé Cuíña Crespo (1979-1990) e Xosé Crespo Iglesias (1990-...), contando xa con maiores presupostos e medios.

Fillo dunha acomodada familia de empresarios lalinenses vencellada aos negocios da electricidade e a telegrafía, o mozo Luís González Taboada, recén licenciado en medicina decide montar a consulta na súa vila natal. Daquela non existía a Seguridade Social e os galenos tiñan que cobrar aos enfermos e ás súas familias en cartos ou especies, e mesmo ás veces actuar de balde. Eran tempos difíciles, de fame e de privacións, marcados pola emigración coa proximidade aínda dos anos da posguerra.

Neste difícil contexto económico e social Licho contrae matrimonio con Luísa Aller Pinacho, unha mestra de familia fidalga, sobriña do ilustre sabio lalinense Ramón María Aller Ulloa, coa que completará unha familia numerosa con oito fillos.

Irrupción na política

A súa irrupción na política prodúcese mediada a década dos 50 ao ser designado deputado provincial, representando ao partido xudicial de Lalín na Deputación de Pontevedra durante varios mandatos. Tamén participan entón na vida social lalinense, sendo presidente do Circulo de Recreo-Casino en dúas ocasións entre 1956 e 1962.

Desde finais dos 50 a figura de Licho foi gañando en popularidade en boa parte debido á súa sona de «bo médico e mellor persoa», como o definían moitos veciños. Esa calidade humana, unida á súa boa relación nas altas esferas onde se cociñaba a política da época valeulle para acceder á alcaldía, sucedendo ao discutido Alfonso Garra Goyanes O coello, que non gozaba do recoñecemento nin da estima de moitos dos veciños, a pesar de levar a cabo iniciativas importantes como o Instituto Laboral ou a Praza de Abastos.

Cando toma posesión do cargo de alcalde en xullo de 1957, González Taboada xa levaba tres anos representando ao partido xudicial de Lalín na Deputación. Baixo o seu mandato, que se prolongará por espazo de máis de vinte anos, Lalín deixa de ser unha pequena vila de feira e camiño con pouco mais de medio milleiro de veciños ata achegarse aos 3.000 habitantes, mentres o municipio permanecía invariable dende décadas atrás ao carón dos 20.000.

Numerosos conveciños participaron nas distintas corporacións municipais de González Taboada ao longo dos anos. As realizacións, malia os escasos orzamentos, foron relativamente importantes. Ao deixar a alcaldía en mans de Xosé Cuíña, varios proxectos quedaban perfilados que serían culminados posteriormente como o ambulatorio da Seguridade Social, a travesía exterior, a Casa da Xuventude ou o Mercado de Gandos, por citar algúns. Nas primeiras eleccións democráticas abandonou o protagonismo na política local para centrarse na medicina, a súa gran vocación.

O crecemento urbanístico

Entre as súas primeiras realizacións situáronse o abastecemento de auga, o saneamento e a recollida de lixo, servizos dos que carecía o núcleo urbano de Lalín naqueles primeiros anos do seu mandato. Logo viría a expansión urbanística, coa apertura de novas rúas como a denominada "A", inaugurada a mediados dos 60 e que máis tarde levaría o seu nome, que se enchería de edificacións en poucos anos. O labor de Licho no contorno urbano concentrouse en boa parte na zona de Penatoares e Lalín de Arriba, onde se urbanizaron terreos e se completou unha importante dotación para a educación, a cultura, a sanidade, o deporte e o lecer dos lalinenses. Na década dos 70 construíronse as primeiras instalacións deportivas na zona de Penatoares e no Empalme. Tamén se continuaba a apertura da rúa "F" (hoxe Laxeiro), onde se construían o grupo escolar con vivendas para os mestres e un edificio destinado a Biblioteca e Museo de Fillos Ilustres, Hermandad de Labradores e outras dependencias oficiais. Outras rúas abertas a mediados dos 70 foron as B e D.

A expansión urbanística fixo que as casas chegaran tamén ao Campo da Feira inaugurado a finais dos 60, no ecuador da era Licho, a costa de reducir notablemente o antigo recinto e eliminar a totalidade do arborado. Daquela os construtores e especuladores campaban ás súas anchas alleos ao Plan de Ordenación Urbana por Carragoso, Feás e Cidade Xardín.

Despois da cesión dos terreos necesarios por parte do Concello de Lalín, procedíase á construción do Cuartel da Guarda Civil en Lalín de Arriba, que non estaría rematado deica 1977 e concluíase a apertura da rúa da Calzada que lle daba o acceso. Tamén se inauguraba unha nova traída de augas do Asneiro dende Botos ao ser insuficiente xa a estación de bombeo do regato do Pontiñas e ampliábase o depósito para o abastecemento de augas en Lagazós.

Concentración escolar

No comezo da década dos 70, cando xa González Taboada levada tres lustros rexendo os destinos do concello, complétase a concentración escolar no municipio cos grupos escolares de Lalín, Prado e Vilatuxe. Os novos grupos escolares contaban con transporte, comedor escolar e instalacións máis axeitadas que as antigas escolas parroquias que pecharon, agás algunhas que continuaron utilizándose para atender aos máis cativos. Na vila funcionaba xa dende anos atrás (1966) o grupo escolar Manuel Rivero. Anos despois construiríase outro grupo escolar en Cercio que levaría o nome do dramaturgo Varela Buxán, do mesmo xeito que os de Lalín, Prado e Vilatuxe lembraban a Xesús Golmar, Joaquín Loriga e Barrié de la Maza.

Os últimos anos de Licho quedan marcados pola posta en servizo de importantes equipamento como o novo instituto de bacharelato Ramón María Aller e o centro de FP Pintor Laxeiro.

O avance do sector agrícola tamén tería reflexo no mandato de Licho, coa declaración do desenvolvemento agrario da comarca de Deza de interese público e o establecemento na década dos 70 do IRYDA en Lalín, continuador dos servizos de Extensión Agraria que viñan funcionando desde 1963. A actuación deste organismo tería certa repercusión na mellora das explotación gandeiras e na dotación de accesos e servizos ás parroquias do rural.

A compra de Mouriscade

O peso político que tiña adquirido González Taboada na provincia non foi alleo á compra en 1973 por parte da Deputación de Pontevedra da Finca de Mouriscade, con casa dependencias e parcela de máis de 40 hectáreas, que custaron daquela máis de dez millóns de pesetas. Nesta propiedade fixéronse entón as obras precisas para poder acoller unhas novas instalacións e convertela en granxa modelo. Malia estes logros, a concentración parcelaria que contaba con moitos detractores no medio rural quedou á marxe da acción municipal.