Martín deixa Lalín para fichar polo Eivissa de Ibiza do grupo catalán

LALÍN

08 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

lalín | O Portadeza Lalín deu onte por pechado o seu plantel para a vindeira tempada. Pero en contra do que é habitual, o punto e final non chegou co anuncio dunha fichaxe, senón co da cuarta baixa rexistrada nas filas roxinegras desde o remate da pasada campaña, no mes de abril.

O presidente do C.B. Lalín, Higinio Gulías, fixo onte pública a marcha de Martín, que tras 17 anos no club dezao decidíu probar sorte lonxe da súa terra. Concretamente, no H.C. Eivissa de Ibiza, conxunto da Primeira Nacional A que na última tempada rematou terceiro pola cola do Grupo C ou catalán a 2 puntos do descenso.

Martín explicou onte que desde o Eivissa levaban un mes falando con el, logo de enterarse da disponibilidade do xogador para cambiar de aires a raíz do probable traslado da súa matrícula en maxisterio por educación física. Un interese xerado e alimentado polo ex adestrador do Portadeza Dioni, segundo técnico do Eivissa e coordinador da base do club, e amigo persoal de Martín desde o seu paso polos banquiños dos equipos xuvenil e de Primeira Nacional de Lalín.

O balonmanista subliñou que os responsables do Eivissa «aceptaron tódalas miñas condicións, e alá vou facer o mesmo que faría aquí, xogar, traballar coas categorías inferiores do club, e seguir estudiando a miña carreira. Eles querían un central das miñas características, e preocupáronse moito por convencerme. Vou á aventura, quero probar a ver se sirvo realmente para o central», un posto ao que non tivo acceso nos últimos anos en Lalín, donde tanto Couso coma Budi contaban con él para o extremo esquerdo.

«A nivel deportivo pode parecer que baixo un chanzo, ao ir a un dos equipos máis frouxos da categoría, pero é unha oportunidade única para min, vou coñecer outro grupo», di Martín, que cre que «a longo prazo que haxa xogadores que saiamos fóra será bo para o C.B. Lalín».