O Club Natación Lalín inicia a súa participación na Segunda División da Liga Galega de Clubs

La Voz LA VOZ | LALÍN

DEZA

09 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O Club Natación Lalín acudirá mañá á Coruña á súa primeira gran cita da tempada: a xornada inaugural da Liga Galega de Clubs 2006/2007. Logo de dous meses á fronte da preparación técnica do equipo, o lalinense Carlos Vázquez completa o relevo de Émerson Ramírez dirixindo o C.N. Lalín no retorno á Segunda División Autonómica. Unha categoría na que se verá as caras co Codesal, Club do Mar da Coruña, Cedeira, As Pontes e Santiago. Carlos Vázquez confesa que agás o Santiago, co que o C.N. Lalín compartíu descenso na pasada primavera, carece de información respecto do resto dos seus rivais. Con este punto de partida, «nuestro objetivo esta temporada es mantenernos en la Segunda División». Con tal fin, o C.N. Lalín loitará nas tres xornadas preliminares da Liga por rematar entre os tres primeiros clasificados, xa que mentres estes loitarán polo salto á Primeira División, os tres últimos deberán competir por eludir a caída á última categoría da natación galega. O novo adestrador do C.N. Lalín subliña que o problema do equipo dezao voltará a ser, como a campaña anterior, a falta de efectivos. Así, o conxunto deberá botar man de ata tres rapazas de G-3 (12 anos) para dispor dos arredor de 16 efectivos cos que cubrir o mínimo dun nadador por proba (cada competidor pode tomar parte nun máximo de catro probas ao longo da Liga). Ademais, o C.N. Lalín contará con Iván e Antonio Datorre, Jacobo Sueiro e Elías Couso, que por motivos académicos se adestran pola súa conta en Santiago e Lugo. Carlos Vázquez comenta que «el año pasado fue la mejor temporada del club en su historia. Va a ser difícil repetir los resultados, pero intentaremos hacerlo trabajando con humildad e ilusión. Estoy bastante contento con los niños. Nos estamos adaptando mútuamente».