O C.D. Lalín busca un dianteiro centro e un centrocampista para pechar o seu plantel

La Voz LA VOZ | LALÍN

DEZA

16 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A tan só dez días para o inicio do campionato ligueiro, a directiva do Club Deportivo Lalín apura as súas últimas opcións de cara a apuntalar o curto e inexperto plantel de José Manuel Alonso Acevedo. O presidente da entidade, Amandio De Bessa, fixou onte os obxectivos marcados neste apartado: un dianteiro centro e un centrocampista. «Con eles Acevedo daríase por satisfeito», asegurou o mandatario. O que máis lles urxe aos responsables do C.D. Lalín agora mesmo é a incorporación do punta, ao ser o ataque a liña máis desabastecida de efectivos no equipo roxinegro. Javicho e Julián, ata hai catro meses xuvenil, constitúen os únicos xogadores netamente ofensivos do conxunto roxinegro, á espera da recuperación de Dani Méndez no mes de xaneiro. De Bessa comentou que «estamos a traballar con dúas ou tres opcións para o posto de dianteiro centro, todas de fóra de Galicia, procedentes da Segunda B ou de equipos de Terceira que non porían ningún impedimento en deixar marchar os xogadores se reciben unha oferta económica superior á deles». Respecto á vacante no centro do campo, «hai catro ou cinco posibilidades, dúas delas de fóra de Galicia». O presidente do C.D. Lalín subliña que «de gastar diñeiro só o faremos con xogadores de garantías. Non imos fichar por fichar». Un propósito sen dúbida cada vez máis complicado, a expensas dos descartes da Segunda B, dificilmente baratos en calquera caso. Reforzos durante a tempada Dada a preocupante falta de efectivos de peso no plantel, «non descartamos incorporar novos reforzos coa Liga xa en marcha» anunciou De Bessa, quen lembrou a posibilidade de fichar ata 48 horas antes do inicio da segunda volta do campionato ligueiro, o 20 de xaneiro. O Lalín disputa mañá pola tarde un novo amigable en Melide.