«É difícil que non haxa sangue na transición cubana»

CULTURA

A edición en castelán de «Habana flash» chega nun momento clave polos cambios que se albiscan no futuro da illa caribeña

30 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Cando publicou Habana flash hai once anos, o Goberno cubano fíxolle chegar, vía consulado, unha mensaxe tan concisa coma sutil: «Mellor que non volva por aquí, eh». Agora, recén saída ao mercado a edición en castelán do libro, Xavier Alcalá (Miguelturra, Ciudad Real, 1947) celebra a vixencia que ten a novela polo cambio de rumbo que actualmente se albisca na illa cara unha transición na que o autor enxerga un baño de sangue, e relembra con agarimo o reproche de «don Manuel», coma gústalle aludilo, cando saíu o libro no ano 98: «É incorrecto e inoportuno».

-¿E logo que lle respondeu entón?

-Don Manuel, se vostede o di, terá razón. -¡Uf!, iso soa a submisión. -E logo que querías que lle dixera. Era un momento dunha intensa relación con Cuba, e non gustou que falase do fracaso da Revolución de 1959. Tamén enfadárase o cónsul. -¿Díxolle algunha inconveniencia? -Fíxome chegar unha mensaxe, que non sei ben de quen era: Que mellor que non volvera por alí. -Xa... O de sempre: literatura e política. Indiscernibles. -É certo. A literatura non é un exercicio anódino nin inerte. E ten consecuencias. Pero ao que non hai dereito é a que calquera réxime, o que sexa, non permita expresarse libremente aos seus cidadáns, e iso e algo innegable en Cuba. -¿Esa censura é o primeiro que lle ven á cabeza cando pensa na Habana? -Si, e tamén a sensación de querer ser fada, ter unha variña máxica e deixar todo coma estaba antes do ano 59, cando aquilo era a Xerusalén do Caribe. Agora mesmo é todo un desastre. -Cónteme unha imaxe de Cuba que leve gravada. -A despedida dun galego ao que, cando marchei da Habana, pregunteille se tiña algunha mensaxe para os seus familiares en Galicia, e respondeume: «Dilles que estou ben, que teño comida». Pareceume tremendo. -¿Cómo interpreta os cambios que se aveciñan na política da illa? -A ver qué desculpa vaille quedar a Fidel se Estados Unidos levanta o bloqueo. Vai ser moi interesante. Sospeito que cambiará todo moitísimo. -E, seguindo coa figura de Fidel , ¿diría vostede que estamos ante o exemplo do «Rei Lear»: ancianidade, tolemia e reparto do país entre os familiares? -No pensamento dos que coñecen ben aquilo está a idea de que é difícil que non haxa sangue na transición cubana. No me atrevo a predicir o que vai pasar, pero non vai ser coma en España, porque en Miami, ao outro lado, hai xente que nunca enterrou o machado de guerra e que non esquece.