O Consello da Cultura Galega presenta un mapa virtual das estruturas e recursos culturais existentes en Galicia

La Voz

CULTURA

26 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Como unha ferramenta útil para o sector, en especial para os axentes culturais, presentou o Consello da Cultura Galega o seu mapa virtual dos recursos culturais galegos. Este mapa permitirá coñecer de que recursos dispón cada unha das estruturas existentes no país a partir dunha base de datos en continua ampliación.

A aplicación aproveita outras aplicacións, como Google Earth ou Openmaps, para situar nun contexto xeográfico as estruturas culturais existentes en Galicia, teatros, auditorios, casas de cultura, bibliotecas, arquivos ou museos.

Sobre estas referencias o usuario pode coñecer o carácter de cada espazo e os recursos técnicos dispoñibles en equipación sonora ou audiovisual e tamén en tamaño e capacidade de espectadores.

Para programadores

Deste xeito calquera usuario pode coñecer en dous clics cantas salas galegas teñen capacidade para máis de trescentos espectadores ou cantas están equipadas cun aparataxe técnico ou cunhas dimensións determinadas nos escenarios.

Os obxectivos do mapa consisten en elaborar e manter un conxunto organizado de información sobre infraestruturas culturais en Galicia, proporcionar un marco de referencia para a realización de enquisas de mostraxe e elevación de datos e satisfacer a demanda externa de información sobre as infraestruturas culturais, subministrando datos básicos de identificación e clasificación, normalizados por territorio, actividade e características relevantes para a programación de actividades culturais. A ferramenta, que forma parte dun proxecto maior que será o mapa cultural de Galicia, permite tamén a elaboración de rutas en funcións das buscas realizadas aproveitando as capacidades propias da aplicación de Google.

Segundo Manuel Gago e Håkan Casares, a ferramenta está moi orientada á «utilización por parte dos axentes culturais, especialmente dos programadores, porque pode facilitar a elección de espazos e un coñecemento previo de en que lugares se cumpren as súas necesidades».

Para o presidente do Consello, Ramón Villares, «a posta en marcha destas ferramentas cumpre cos cometidos do Consello da Cultura Galega para facilitar a información aos axentes e aos sector». Referiuse tamén á presentación do informe sobre Ocio e hábitos culturais dos galegos, que presentou unha nova edición coas cifras por provincias e comarcas referidas ao ano 2006 que «detallan máis a información existente sobre todo para os técnicos de programación». Segundo Villares e Casares, as cifras deste estudo correspondente ao ano 2007 serán presentadas en breve.