Tres libros galegos, seleccionados para os premios White Raven

Camilo Franco

CULTURA

19 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A literatura infantil e xuvenil galega volveu ser recoñecida en pouco menos de quince días internacionalmente. Despois do éxito dos libros galegos para participar na cita de Bratislava, o certame White Raven, unha das convocatorias máis importantes no mundo para a literatura infantil e xuvenil, seleccionou outros tres libros galegos editados no 2008 entre os máis destacados no seu xénero.

Esta lista faina pública a Biblioteca Xuvenil Internacional del Múnic, un centro que se considera referencia á hora de valorar os libros de infantil e xuvenil no mundo. A biblioteca realiza unha lista anual convertida nun premio para aqueles libros que destacan pola súa calidade no conxunto mundial.

Os libros seleccionados na lista serán presentados na vindeira Feira do Libro Infantil de Boloña, entre o 23 e o 26 de marzo, e que tamén contará con participación galega.

A literatura infantil e xuvenil galega foi gañando protagonismo durante os últimos anos nesta lista, en paralelo coa dimensión cada vez máis internacional da edición deste xénero no país.

Os tres libros seleccionados para a lista White Raven 2009 son A cabeza de Medusa, de Marilar Alexandre, editado por Xerais na súa colección Fóra de Xogo, premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil no 2008. O segundo dos títulos é O prodixio dos zapatos de cristal, de Xosé Antón Neira Cruz, editado por Galaxia e que forma parte da súa colección de Musicontos, unha colección distinguida tamén este ano en Brastilava. O libro está ilustrado por Rodrigo Chao e na parte musical conta coa Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave. Tamén participou na gravación a actriz Teresa Santamaría, como narradora.

O terceiro dos títulos seleccionados é Fume, de Antón Fortes e con ilustracións de Joanna Concejo, editado por Oqo dentro da súa colección Qontextos como primeiro álbum da serie, unha colección na que se abordan a marxinalidade, a miseria e as situacións dramática. Neste caso, o Holocausto desde a perspectiva dun cativo.

Xan López Domínguez

O outro galego que figura nas listas deste ano é o ilustrador Xan López Domínguez, autor dos debuxos do libro Barro de Medellín , que leva unha narración de Alfredo Gómez Cerdá, publicado por Edelvives.

As distintas e distantes características destes tres libros seleccionados para esta lista internacional marcan, segundo os especialistas, a potencia que está acadando a literatura infantil e xuvenil galega.

No que ten que ver coa lista alemá para este ano están seleccionados sete libros editados na península Ibérica. Deles tres son galegos, dous son do resto do Estado e os outros foron editados en Portugal, o que para os editores galegos subliña a categoría que leva acadado o xénero infantil e xuvenil en Galicia durante os últimos anos.

A lista salientou este ano en total 250 títulos publicados en todo o mundo durante o 2008, libros editados en 32 linguas e procedentes de 48 países.