Caídas, cainismos e calvinismos

Camilo Franco

VIGO CIUDAD

08 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha das máximas da política menos inxenua é que podes facer de todo sempre que non te collan. Igual se debe a que a política, en realidade, só se ocupa das cousas que son públicas e o que non se sabe non é público. Unha práctica complementaria a esta é que, cando collen a outro que non es ti, entón tes que acusalo con todo o rigor que permitan as palabras, con todo o peso da demagoxia e con toda a indignación que linde co indecoroso. É só camuflaxe para que a culpabilidade dos demais nos faga parecer máis inocente a nós.

?Falar das cousas existen. Finalmente un autobús de Vigo reclamará iso que tanto escoitei de neno cando me daba por divagar: fala das cousas que existen. Diría máis: cómpre falar das cousas que importan e da súa repercusión concreta porque está moi ben que alguén reafirme a existencia de Zeus (que non foi un can que tivo meu pai) pero resulta preocupante que nunha sociedade máis ou menos educada aínda haxa medo a poñer a palabra Deus nun cartel. Ese medo que ten algo de ritual das cousas que son intocables. Pero para unha cultura moderna e capaz, para unha sociedade madura non pode haber cousas intocables. Porque queda feo a estas alturas confundir cultura con superstición.

?Eu son Ánxela Bugallo. Se Spartacus vivise había sentir algo máis que curiosidade polas circunstancias últimas de Ánxela Bugallo. Pola maneira de deixala a un lado do camiño en similar postura a aquela na que acabou o heroe dos escravos que loitou contra Roma. Seguramente a conselleira foi xulgada con severidade polos seus erros, pero esta é unha práctica inusual en Galicia, un país no que cando un político se equivoca o mandan a un balneario con despacho ou ao consello de administración dunha televisión. Bugallo foi xulgada severamente polos erros propios e polos alleos, foi xulgada polos seus acertos e por ese erro de carácter monumental que é a cidade da cultura e que, con propiedade, ninguén será capaz de resolver. Incluso é posible que fose xulgada polo seu armario. Seguramente foi sentenciada pola súa actitude, por non deixarse levar ou por deixarse levar demasiado. Son cousas da política e os seus cainismos. Pero non chaman tanto a atención os desencontros da política como a maneira en que son executados neste caso particular. E foi sentenciada a un silencio total polos mesmos que a nomearon hai tan pouco tempo que non fai falta nin documentación para facer memoria.

Cada día lemos máis. Este ano as estatísticas de lectura favorecen moderadamente aos galegos. Como o vento. Non chegamos á metade da táboa pero podemos sorrir porque estamos no pelotón dos que ascenden. Agora só temos que fixarnos un obxectivo un pouco máis alto e pensar cal é o lugar que queremos ocupar na clasificación. Porque, aínda sendo realistas, da metade para abaixo non é lugar para Galicia.

Lingua de ferrete. Non deixa de ser divertida esta idea de que a xente se manifeste para pedir que se fale nun idioma só baixo o lema do bilingüismo. É outro paradoxo que, agora máis que nunca, parece forzado por unha maquinaria electoral seriamente ameazada. Como cadaquén pode pedir o que queira e hai quen pide bilingüismo en castelán, eu vou pedir unha Galicia que sexa bilingüe en galego.