O proxecto recibirá «un empurrón importante» en canto sexa amañada a carpa que danou o vento en Castro de Rei
Coma se dun feitizo protector do mago Merlín se tratara, nin os ventos furacanados nin a intensa chuvia que a pasada fin de semana bateron Galicia enteira lograron botar abaixo o Centro de I+DE Maxia, impulsado polo mago Antón en Castro de Ribeiras de Lea, en Lugo. A carpa de 2.000 metros cadrados que alberga o curioso proxecto sufriu bastantes desperfectos nun dos seus laterais debido á rotura de varios cables de suxeición.
Se ben, as oito antenas principais nas que se asentan os teitos e as lonas da enorme estrutura quedaron «totalmente intactas» e os recursos do interior mantivéronse a salvo. «Desde fóra parece máis do que realmente foi. A maxia resistiu o envite do temporal», aclarou onte o coñecido ilusionista lucense, logo de comentar que xa comezaron as tarefas de reparación, nas que será necesario investir «certo tempo».
Unha vez que a carpa estea amañada, o seguinte obxectivo será darlle «un empurrón importante» para que no prazo dun ano o centro máxico estea funcionando a bo rendemento. «Queremos darlle actividade programando e producindo espectáculos, non só de maxia, senón tamén doutras artes escénicas», sinalou o mago Antón. Polo de agora, no espazo existe unha única programación fixa: a exhibición de maxia que se celebra cada 25 de decembro.
Actividades para escolares
Nunha primeira fase, o centro aspira a contar cun Museo da Maxia no que tamén se organizarán actividades didácticas dirixidas a escolares e outros grupos sociais. Ademais, pretende atender as necesidades específicas do colectivo máxico profesional, mediante a creación dun centro de recursos e de formación permanente.
Non en van, a escaseza de recursos para a maxia e mesmo de lugares para ensaiar son algúns dos atrancos que ata o de agora atopan os ilusionistas galegos no seu exercicio profesional. Un gremio que, en opinión do mago Antón, atravesa unha boa etapa. Artellados a través da asociación Magos Profesionais de Galicia, contan cun circuíto específico dentro das actividades artísticas e culturais que teñen lugar na comunidade. «Estamos nun momento de desenvolvemento importante», comentou.
Deste xeito, levan anos demandando un espazo económico propio, que lles permita «vivir da maxia» xa que ata hai pouco cada un dos magos tiña que moverse pola súa conta e cos seus propios recursos.
De cara ao futuro, os magos esperan desenvolver no I+DE Maxia de Castro unha segunda fase na que a actividade será máis permanente. Neste sentido, a web do ilusionista (www.magoanton.com) recolle que a meta é a creación dunha Escola de Maxia que ofreza unha formación especializada de catro anos no eido do ilusionismo.
Coñecidos prestidixitadores galegos consideran que contar cunha escola deste tipo «daría moito xogo» neste campo. Algúns van máis aló ao afirmar que Galicia sería coñecida por ter unha escola de maxia.
Bos accesos
Con esa finalidade formativa, Creacións Máxicas, S.L., empresa do mago Antón, cedeu uns terreos de 17.000 metros cadrados situados na zona de Rega, no concello chairego de Castro de Rei. «Tivemos en conta os accesos que hai a Lugo e á Terra Cha, que cada vez son mellores», indicou o ilusionista. Un feito que facilitará os desprazamentos do público e das persoas interesadas na maxia.
Na superficie cedida existe unha ampla carpa que foi instalada no ano 2000, aínda que chegou a Galicia varios anos antes. «A tensoestrutura é un sistema que trouxen no ano 90 desde Milán, compreina na Casa Canobbio, unha empresa que é punteira mundial neste sector», resaltou onte o prestidixitador.
O mago Antón resaltou as virtudes do mecanismo: «A pesar da forza do temporal que houbo, a carpa aguantou en pé, e iso é o importante». E engadiu: «O verdadeiro desastre sería que os recursos que hai dentro dela resultasen danados». Con todo, nin así se perdería a esencia da maxia.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios