Unha nova xeración de lectores descubre a Poe no seu bicentenario

CULTURA

O mestre do relato gótico e creador do detective literario moderno afianza co tempo a súa influencia

17 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Dende 1949, unha figura misteriosa vestida de negro deixa tres rosas encarnadas e media botella de coñac sobre a tumba de Edgar Allan Poe no día do seu nacemento, o 19 de xaneiro. Previsiblemente, o vindeiro luns repetirase o ritual, só que a efeméride terá unha repercusión maior, xa que o escritor cumpriría douscentos anos.

Aínda que a idea da inmortalidade acaeríalle moi ben a un autor que ampliou os límites da literatura fantástica, en realidade Poe morreu aos corenta anos en circunstancias que, como quizais era inevitable nel, alimentan todo tipo de sospeitas: foi atopado nun estado de delirio, vestido coas roupas doutra persoa; a prensa informou de «inflamación cerebral» como causa do pasamento, que se considera un eufemismo para doenzas relacionadas co alcoholismo.

En vida, Poe tratou de vivir da literatura como profesional, malia a que esta categoría asumise formas pouco convencionais. O seu terceiro libro de poemas, por exemplo, foi costeado polos seus compañeiros na academia militar, que agardaban máis material satírico como o que se inspiraba nos oficiais. Resulta curioso que un dos escritores máis lidos e que exerce unha notable influencia en creadores de todas as disciplinas, fose máis coñecido polos seus contemporáneos como crítico literario, e dos duros. Agora, en cambio, goza dunha inmortalidade literaria que valida unha posible definición do que é un clásico: esa obra que cada nova xeración redescubre e fai a súa propia lectura á luz dos seus propios tempos.

Catro títulos clásicos

Douscentos anos despois do seu nacemento, Edgar Allan Poe é un escritor que suscita interese entre os lectores galegos e que propicia novas traducións á súa lingua. Coincidindo co aniversario, Edicións do Cumio anunciou unha colección dedicada ao autor, da que xa están previstos catro títulos, traducidos por Susana Rodríguez Barcia. O primeiro libro, que sairá en marzo, será Os crimes da rúa Morgue, considerado por moitos como a introdución do detective moderno. A creación de Poe, Auguste Dupin, sentou as bases do investigador na literatura, e moitos autores modelaron sobre el os seus personaxes. O seguinte título que publicará Cumio é O escaravello de ouro, que revela outra das facetas de Poe, a do escritor canónico de aventuras, cun argumento clásico do xénero: a busca dun tesouro. Ambos os dous volumes estarán ilustrados por Fino Lorenzo.

Outro territorio abonado para a aventura, o océano, centra o terceiro título previsto, Un descenso ao Maelström, mentres que o cuarto recolle relatos que fixeron de Poe un mestre da literatura gótica: A máscara da morte vermella, A verdade sobre o caso do señor Valdemar, O manuscrito achado nunha botella e Sombra.

Non son as únicas achegas recentes de Poe ao galego. No 2007 Urco publicou O corvo, nunha edición bilingüe de Tomás González Ahola, con ilustracións de Doré, mentres que OQO deu ao prelo no 2008 o relato Hop-Frog, adaptado por Paco Liván e ilustrado por Alberto Vázquez. No 2007, Xerais reeditou a tradución de Alberto Avendaño de O escaravello de ouro, xunto con outros contos.