Unha mostra do CSIC amosa en Vilagarcía a incidencia da interacción social na paisaxe

M. Beceiro

CULTURA

24 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O auditorio de Vilagarcía de Arousa acolle desde onte a exposición itinerante Paisaxes culturais e arqueoloxía da paisaxe . A mostra, financiada polo Programa de Iberciencia do Plan Galego I+D+i da Consellería de Innovación e Industria, é unha síntese dos traballos que o Laboratorio de Patrimonio do CSIC (LAPA-CSIC) ten feito nos últimos quince anos no eido das paisaxes culturais. A exposición estará en Vilagarcía ata o 31 de xaneiro para logo percorrer as cidades de Galicia e outras do resto de España.

A doutrina do LAPA é ver, desde a arqueoloxía e disciplinas auxiliares, como se conforma sucesivamente a paisaxe humana, desde o quinto milenio antes de Cristo ata o século XIV, que podemos recoñecer como as formas tradicionais da paisaxe galega. A investigación dos últimos 15 anos sobre esta superposición de actividades e procesos humanos, que cobre desde 15.000 anos antes do presente ata hoxe, é o que se presenta na exposición Paisaxes culturais e arqueoloxía da paisaxe . Carlos Otero Vilariño, membro do LAPA e comisario da exposición, sinalou que esta abarca cinco bloques temáticos: Paisaxe cazador (das comunidades paleolíticas), Paisaxe monumental (neolítico), Paisaxe dividido (Idade de Bronce), Paisaxe fortificado (Idade de Ferro) e Paisaxe tradicional (desde o século IV ata hoxe).

A mostra, ensaio dunha gran exposición para dentro dun par de anos, é fundamentalmente gráfica e audiovisual, con imaxes e textos explicativos. O seu primeiro obxectivo é «achegarse ao patrimonio arqueolóxico desde unha perspectiva que transcenda simplemente a escala do xacemento». O segundo, «amosar a relevancia da interacción ao longo da historia entre acción social e o medio ambiente para configurar a paisaxe cultural e actual». Este obxectivo, segundo o director do LAPA e director científico da mostra, Felipe Criado, «interacciona estreitamente co actual debate sobre as mellores prácticas de acción e interacción co territorio, como preservar a calidade do territorio, o territorio en canto patrimonio e o territorio en canto produto da historia».

Neste senso, Criado denuncia que «estamos inxeridos nunha sociedade que se basea nunha lóxica perversa: que unicamente podemos reproducir a vida si ao mesmo tempo modificamos de xeito activo e dun xeito agresivo o territorio e as propias condicións de vida sobre as que nos apoiamos». Esta lóxica, ao seu entender, «é o que leva, como se ten visto na sociedade galega nos últimos dous anos, a resaltar a importancia do debate sobre a paisaxe. Non en vano unha das estrelas desta lexislatura que agora remata é precisamente a definición dunha lei galega da paisaxe». Isto quere dicir que tamén é obxectivo da exposición «facer unha chamada de atención sobre os riscos que na actualidade experimenta a paisaxe, como as paisaxes culturais que veñen da historia están pouco a pouco a ser reducidas, en aras dun puro valor económico, en paisaxes artificiais que modifican fondamente a súa morfoloxía tradicional».