Os actores de dobraxe denuncian unha reducción de seu traballo

Camilo Franco

CULTURA

Algúns profesionais consideran que as dobraxes en galego están moi concentradas nalgunhas voces

21 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O sector da dobraxe é un dos agachados do audiovisual en Galicia. Con cen traballadores máis ou menos estables, esporádicos sen contar, unha falta de regulación profesional e unha renovación de voces que algúns consideran forzada.

A dobraxe comezou en Galicia algúns anos antes da aparición da televisión autonómica, na metade dos oitenta. Entón traballábase dobrando ao castelán, pero foi a posta en marcha da TVG a que cambiou un sector obrigado a medrar para cubrir as necesidades.

Vinte e cinco anos despois a situación é máis estable pero o 75% dese traballo vai destinado á canle autonómica, unha dependencia que o presidente do colectivo profesional, Apradoga, considera que só pode ser contrarrestada cunha diversificación da dobraxe que incorpore os DVD, os videoxogos e a produción para a Rede, entre outros. Segundo o presidente dos dobradores, «é difícil avaliar este dato porque a dobraxe en castelán que se fai en Galicia está fóra do convenio».

Xustamente un dos problemas que sinala Rubal é que «hai xente traballando por menos cartos dos previstos no convenio». Asegura que hai un acordo con televisión para que o contrato coas produtoras quede ligado ao cumprimento dos estudios dos convenios. En Galicia traballan oito estudios de dobraxe dos que cinco están homologados para traballar coa TVG».

Para voces históricas da dobraxe, como Gonzalo Uriarte, «houbo unha redución de traballo que pode ser considerada lóxica porque a medida que a televisión incrementou a produción propia e as produtoras van traballando máis directamente en galego, a dobraxe é menos necesaria».

Para outras voces estas circunstancias poden ser reais, pero están mesturadas cunha concentración nun número limitado de profesionais que se ven producindo desde hai algúns anos. Uriarte comenta que «un estudo que se podería facer é o dos repartos dos últimos anos, quizais non contariamos máis de trinta voces nas obras máis importantes».

Nun caso similar está a actriz Elina Luaces quen advirte que agora traballa moi pouco en dobraxe pero «non foi porque eu a deixara». A actriz apunta que hai uns anos «houbo un cambio e comezaron a queixarse da fonética de algúns dobradores».