Os catro grandes coros tradicionais de Galicia cantaron xuntos no Jofre

CULTURA

14 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os catro grandes coros tradicionais de Galicia celebraron onte xuntos, no teatro Jofre, o 150.º aniversario da concesión a Ferrol, por parte da raíña Isabel II, do título de cidade. Respondendo ao chamamento do Toxos e Froles, que celebrou naquel mesmo escenario o seu primeiro concerto no ano 1915, Cántigas da Terra, da Coruña (fundado en 1916), o ourensán De Ruada (fundado en 1918), e Cantigas e Agarimos, de Santiago, fundado en 1921, ofreceron, xunta o coro anfitrión e decano, un multitudinario concerto. Un concerto histórico, en máis dun sentido, que rematou coa interpretación do himno galego cos coristas das catro institucións xuntando as súas voces, baixo a dirección de Manuel Amorós, ante un público realmente emocionado. Desde o fondo do escenario, nunha xigantesca fotografía, naturalmente en branco e negro, os mudos retratos dos primeiros integrantes do Real Coro asentían, en silencio.

E foi nese mesmo escenario, por certo, aínda que no seu caso cinco anos máis tarde (é dicir, en 1920), onde De Ruada recolleu a bandeira que conserva como o tesouro que é: a que lle deseñara, como onte lembraba o seu presidente, Eladio Quevedo, o ferrolán Camilo Díaz Baliño. «Por máis voltas que lle dou, non poderei entender xamais -sinalaba o presidente do Toxos, Pedro Sanz- a que obedece que desde a Consellería de Cultura se estea sempre pechando os ollos ante o que os coros tradicionais representan para o noso país e para a nosa xente. A medio prazo -engadía-, todos nós teremos unha supervivencia moi difícil. Pero a axuda que sempre se nos nega vai para outras cousas».

«Levo esperando ano e medio para que nos reciba Ánxela Bugallo -sinalaba mentres o presidente de Ruada-, e non hai maneira. Sempre me din que non nos pode recibir. E hoxe nin sequera temos un local propio. Menos mal que, grazas á xenerosidade da Deputación de Ourense, podemos utilizar o terceiro andar do Teatro Principal, e ir tirando...». En opinión do presidente de Cantigas e Agarimos, Antón Fernández, «os coros tradicionais de Galicia sobreviven polos esforzos dos seus coristas, nada máis». «O abandono que padecemos é gravísimo».

Erea Estévez, directiva e arquiveira de Cántigas da Terra, lembraba onte, ademais, a íntima vinculación dos coros tradicionais galegos coas Irmandades da Fala, e a necesidade de que «as institucións axuden» a conservar, tamén, un patrimonio documental que vai moito máis alá do puramente musical, para entrar de cheo no ámbito literario.