Kiko da Silva descobre o segredo das súas ilustracións

CULTURA

15 dic 2008 . Actualizado a las 11:38 h.

Kiko da Silva mostra na galería viguesa Chroma a exposición Arte de libro , na que revisa a súa faceta como ilustrador de libros dende 1998. En total, son 32 obxectos a través dos cales desvela a súa peculiar técnica de entender a ilustración. «Vou levar os dioramas para que a xente vexa o traballo que hai detrás da fotografía final que aparece nos libros, porque moitos pensan que está feita por ordenador», afirma o artista vigués. E non. Todo é manual e dá moito traballiño.

As ilustracións que Da Silva realiza para libros non son debuxos, son o resultado dun longo proceso totalmente artesanal que comeza co moldeado dos personaxes. «Son como dioramas, como se fosen uns escenarios que eu modelo con cerámica, cemento, papel, incluso madeira. Creo un escenario, logo o ilumino e o fotografío, e esa fotografía final é a que realmente funciona como ilustración», explica. Esta exposición tamén naceu dun xeito peculiar porque a encargada da galería viguesa non quería este ano desenvolver a «típica exposición do Nadal conformada por fondos de artista». Kiko da Silva respondeu ao reto, sorprendido de que unha galería amosase o seu traballo.

Salto

Da Silva afirma que a banda deseñada e a ilustración deron un salto moi grande en moi pouco tempo. «A ilustración dos libros xa non conta o mesmo que conta o texto, senón que aporta historias paralelas, e moitas veces fan que a percepción dun texto sexa completamente distinta».

Aínda que fixera algún traballo anterior, Kiko da Silva inicia a retrospectiva da exposición nas ilustración feitas para o libro Cando Martiño quixo mexar na noite de Reis , «que foi publicado en 1999, e aínda hoxe se segue reeditando e vendendo».