Enrique Acuña repasa a Guerra Civil en Galicia na súa última obra

CULTURA

30 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A resistencia antifranquista en Galicia, de Xosé Enrique Acuña (A Nosa Terra), recrea dunha forma breve, amena e cronolóxica as causas, os feitos e as consecuencias do alzamento e o posterior réxime. Un exercicio de prosa histórica, non de ensaio, que inicia o seu percorrido nos últimos suspiros da II República, para dar paso inmediato á Guerra Civil. Feitos ilustrados con imaxes onde se pode ver ao líder galeguista Alfonso Castelao participando en xuño de 1936 no cine Tamberlick de Vigo nun mitin relacionado co Estatuto de autonomía de Galicia ou a lectura de dous golpistas -en xullo do mesmo ano- do bando de guerra na cidade olívica. Un colectivo armado que atopou na Fronte Popular de Esquerdas aos arquitectos das barricadas coas que defender a legalidade republicana e que lles tocaría derrubar na Coruña, Vigo, Santiago ou Tui, onde o custo en mortes e inxustizas foi visible en rúas e cunetas de todo o territorio galego.

Como relata Enrique Acuña no seu libro, «os militares non tardaron en apropiarse da lexislación militar para facer unha rápida e calculada eliminación física de todos aqueles activistas republicanos, sociais e obreiros que foron sinalados polos civís afíns ao movemento militar contra a república», unha cita que cuspe a realidade do bando perdedor na guerra e o posterior réxime militar. Un enfrontamento desigual económica e militarmente -como ilustra a fotografía da marcha do exercito nazi polas rúas de Vigo-, e onde o bando republicano, ademais -con carencias de armamento, alimentación e formación-, tiña que esquivar os chivatazos interesados de familiares, veciños e amigos que no mellor dos casos puñan terra polo medio co exilio.

Un fenómeno social, o migratorio, que marcou a Galicia contemporánea. O exilio, popularizado polas biografías dos artistas e intelectuais que saíron co posto das súas casas para non rematar nas calzadas de calquera estrada cotéxanse coas vidas anónimas doutros galegos contrarios ao golpe militar que xa non regresaron xamais de Europa, África e sobre todo EE.?UU., Cuba, México, Venezuela, Uruguai ou Arxentina, destinos todos eles moi diferentes aos improvisados cárceres galegos como a illa de San Simón, Figueirido ou Camposancos, onde mestres, médicos, militares ou funcionarios permaneceron en condicións precarias de nutrición e hixiene.