A Fundación Penzol mostra documentos inéditos que reflicten a censura á literatura en galego no franquismo

B.?R.?S.

CULTURA

19 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

«Novelita de bastante pobreza literaria en la que se nos narran los acaeceres diarios de una aldea gallega vistos a través de los ojos de un niño». Así resume o censor Xente ao lonxe , de Blanco Amor, aínda en 1971. Exemplos coma este e moitos máis -desde Castelao a Ferrín- conforman a exposición Editar en galego baixo a censura franquista , que dende onte se amosa na Casa da Cultura Galega en Vigo.

A mostra está integrada por fondos da Fundación Penzol de Vigo, da editorial Galaxia e do arquivo persoal do profesor Xosé Manuel Dasilva, que se encargou tamén de comisariar a exposición que recolle casos nos que non se autorizou a publicación de obras en galego por considerar que se lle outorgaba dignidade á lingua galega, por exemplo, segundo lembrou o comisario, como pasou co ensaio filosófico Da esencia da verdade , de Heidegger, a cargo de Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega: «En Galicia, algún pedantón traduce la filosofía alemana a ritmo de gaita», escribiu no seu informe o director general de Prensa en 1952 en relación a esta obra.

Na inauguración, o vicepresidente da fundación, Alfonso Zulueta de Haz, sinalou que a mostra «non é un inventario exhaustivo sobre os múltiples casos de censura literaria en Galicia, senón unha primeira aproximación ás formas e exemplos concretos do órgano de control durante o franquismo». Deste xeito, a exposición ofrece un repaso gráfico e documentado sobre o control da ditadura sobre a produción editorial en galego entre 1936 e 1975 a través de paneis informativos, libros, documentos e informes orixinais inéditos ata o de agora.

Máxima difusión

Pola súa banda, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, que acudiu á presentación, anunciou o compromiso do seu departamento de darlle a esta exposición «a máxima difusión posible levándoa o ano que vén por diferentes puntos de Galicia» ademais de impulsar a elaboración dun estudo «que recolla todo este traballo de investigación que se tiña tratado ata a actualidade dun xeito parcial». Bará tamén dixo que esta actividade tense que entender coma unha homenaxe aos editores e aos creadores daqueles tempos, que contra vento e marea conseguiron sacar adiante tantos libros». Como complemento, o xoves da semana próxima, nun acto presentado por Alfonso Zulueta de Haz, Xosé Manuel Dasilva pronunciará unha conferencia co mesmo título que a mostra.

Patrimonio da cultura galega

Zulueta, que lamentou a ausencia de Francisco Fernández del Riego, director da Biblioteca da Fundación e responsable do seu mantemento, lembrou que a Penzol conta cun fondo de varios miles de documentos e a súa biblioteca constitúe a institución privada de máis rico patrimonio documental da historia da cultura galega e do galeguismo. A entidade posúe 43.000 libros, oito coleccións completas de xornais, máis de 2.500 publicacións periódicas, 388 manuscritos, libros dos séculos XVI ao XVIII, 1700 separatas, cen mapas e planos, teses de doutoramento, microfichas, discos, fotografías, casetes, e partituras musicais, ademais dunha ampla colección de folletos varios.

Editar en galego baixo a censura franquista

estará aberta ata o 11 de xaneiro.