Os gañadores dos Xerais reclaman máis visibilidade para a literatura

Camilo Franco

CULTURA

Os tres autores coinciden en que ?o papel dos galardóns ?é fundamental para ?a difusión das obras

17 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Escribir un libro, gañar un premio e esperar polos lectores. Nesta circunstancia están as dúas autoras e o autor que este ano gañaron os tres premios convocados por Xerais. Manuel Lourenzo González, que acadou o premio de novela; Marilar Alexandre, que gañou o Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil; e Mar Guerra, que debuta como escritora obtendo o Merlín. As circunstancias dos tres gañadores son diferentes, pero van coincidindo en algunhas visións sobre a literatura.

No primeiro no que coinciden é nese dobre proceso que o autor de O xardín das pedras flotantes considera complementario, «un proceso é escribir o libro, inventar a historia, que para min é o pracenteiro, e o segundo é poñelo bonito e dalo a ver, que non se disfruta tanto, pero hai que facelo».

A outra coincidencia é que os tres consideran que os premios seguen sendo imprescindibles e que a motivación principal é «conseguir que a historia chegue aos lectores», como explica Mar Guerra, autora de Xenaro e o misterio da mochila verde. Lourenzo apunta na conversa que «hai un efecto de reforzo para o traballo do escritor cando un xurado escolle un libro seu». Para Marilar Alexandre, autora de A cabeza de Medusa, «esa escolla significa que alguén gustou do texto, por máis que sabemos que con outro xurado o resultado podería ser outro».

Marilar Alexandre apunta que os premios son, aínda, «a principal arma para combater a falta de visibilidade da literatura galega, que aínda ten que facerse un oco nas vidreiras». Unha visibilidade que, segundo a escritora, «é aínda máis importante no caso dos autores novos».

Os tres son gañadores de premios a libros inéditos, pero preferirían que houbese máis galardóns á obra publicada. Asegura Lourenzo González que «é máis gratificante o premio ao que non te presentas, pero tamén é certo que neste tipo de convocatorias hai vicios de funcionamento que invalidan en parte a súa función». Para Mar Guerra, os premios a libros publicados deberían darse «en condicións de laboratorio para evitar as suspicacias e que a súa referencia sexa válida».