Un libro recorre a nova canción galega con Miro Casabella

CULTURA

06 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

«O meu pais nas noites de invernía / debuxa a súa agonía, nun vello e nun rapaz / o meu país de lenda e maruxías / agarda novos días, marchando de vagar / Polas corgas e herdanzas / nasce e morre unha espranza, no porvir / e unha folla no vento, alento e desalento / o meu país». A letra da canción máis coñecida, e citada, de Miro Casabella (Ferreira de Valadouro, 1946) parecía facerse realidade onte na Coruña, coas follas do outono bailando no vento, pouco antes da presentación do libro Miro Casabella e a nova canción galega (Galaxia). Por si o ambiente de fóra non chegara para evocar este tema, foi un dos catro que o músico interpretou durante unha presentación, na Biblioteca de Estudios Locais, á que asistiron tamén a concelleira de Cultura, María Xosé Bravo; o director xeral de Galaxia e o director de edicións, Víctor Freixanes, e Carlos Lema.

Loxicamente, nas oito cancións que figuran no CD que acompaña este volume, publicado dentro da colección Reportaxe, aparece O meu pais, dentro da selección feita polo propio Casabella.

Xan Fraga (Carballo, 1958) é o autor desta obra na que a través da vida e da obra do único membro de Voces Ceibes que sigue cantando -«levo 45 anos, xa que empecei cando tiña 15»- fai un repaso da nova canción galega. Fraga indicou que unha das cousas que relata é o contexto histórico-cultural no que nace esta nova canción galega, rexeitando «esa visión de que o tardofranquismo era moi light , que a ditadura era moi lixeira, cando os recitais de Voces Ceibes eran prohibidos ou en algún concerto so lles autorizaban tres cancións». Neste senso, o libro recupera un informe policial sobre Voces Ceibes, ademais de lembrar feitos como a multa imposta a Manuel María, por un recital que deu en Madrid no ano 1969, de «75.000 pesetas, que era unha cantidade enorme; as primeiras mostras de solidariedade viñeran de Cataluña, de Raimon e Salvador Spriu, que mandou un talón de 5.000 pesetas do que recollo unha copia».

Fraga rebaixa a importancia da influencia de Raimon no nacemento da nova canción galega salientando que en Galicia «había condicións efectivas para que se dera este movemento, como eran a presenza das cantigas». De feito, outra das obras que tocou onte Casabella foi unha cantiga de escarnio.

Imaxes, fotos e documentos ocupan a parte central dun libro en gran formato e impreso a toda cor no que o autor destaca tamén o papel de Galaxia como pioneira das gravacións en disco en galego, feitas xunto coa a catalá Edigsa, e nas que o primeiro traballo publicado foi un recital de poemas de Manuel María, e o segundo, o de Miro Casabella.